header-photo

Dende o burato


Espertei en medio dunha escuridade impenetrable. O zumbido dun motor V3800-T-E3B dun Kubota M108S aínda resoaba na miña cabeza cando comecei a levantarme, a voltar a tomar conciencia das lindes do meu corpo. A escuridade comezou a esvaecer lentamente mentras trataba de lembrar. Algo. Calqueira cousa. Un nome. Imposible. A medida que as miñas pupilas dilatábanse pola falta de luz ía empezando a percorrer coa vista o que me rodeaba. En primeiro lugar, estaba vestido dunha forma estraña, supoñendo que un sabe como viste normalmente un anmésico. Un polo negro co debuxo da cabeza dun porco bravo á altura do peito. Unha inscrición rodeaba a cabeza do animal: "O Lente, Lente Currite Noctis Apri!". Incomprensible. Un pantalón de chandal vello. Unhas deportivas estropeadas. No peto do chándal, 30 moedas dun fento, un móbil -sen cobertura- aberto na sección "mensaxes" cunha frase: "parecerá un accidente" enviado por un tal f.m., un papel enrugado cunha frase ilexible con liñas por debaixo das letras semellando un vello xogo infantil e unha fotografía do que parecía un mozo duns vinte anos en medio dunha fina poalla camiñando por algo parecido a un páramo. Se isto era un pesadelo quería espertar xa.

A luz empezou a medrar. Unha completa paleta de grises ("do gris confederado ao gris cemento" onde escoitara iso antes?) dáballe un aire infinitamente triste á extensión de terreo chá na cal perdía a miña vista. Ao lonxe divisei a silueta dunha ponte sobre o que semellaba ser un río cor cinza. Sentín unha punzada a altura do peito. Algo que semellaba unha lembranza sen nome, algo que perdera pero non completamente. Achegueime á ponte. A inscrición "Bann River" produciume outra punzada. Sentín unha calor familiar arredor do pescozo, unha anagnórese corporal que me sacudiu uns instantes.

Sentei no chan. Pasaron horas que semellaban décadas ou décadas que semellaban séculos. A figura dun home achegouse ata min saída de ningunha parte, coma unha pantasma que estivera sempre ao meu carón e de súpeto tomase forma.

A figura do home dirixiuse a min.
- vou ensinarche algo. É necesario que aprendas. Para iso estás aquí.
- quen son eu? quen es ti? que fago neste lugar?
- estás aquí grazas aos teus Tityre Tu contemporáneos. Non podo dicir máis.

Levanteime. O home botou andar e eu detrás de el.

Camiñamos durante horas que parecían días longos como décadas etc por un terreo pétreo sen intercambiar palabra. Lembrei algo que lera nalgún sitio [tradución: fixen un trasteo rapidiño en Google]:


por tu bien, pienso y decido que vengas tras de mí, y seré tu guía, y he de llevarte por lugar eterno, donde oirás el aullar desesperado, verás, dolientes, las antiguas sombras, gritando todas la segunda muerte; y podrás ver a aquellas que contenta el fuego, pues confían en llegar a bienaventuras cualquier día

- estás no inferno do porcobravismo -dixo o home xirándose cara min. A súa faciana lembrábame a alguén que coñecera noutra vida. Un martelo de luz na miña cabeza e un nome estoupou coma un proxectil de napalm: Boogie "o aceitoso". Que coño? O tipo seguía falando: "é un inferno pequeno, un pouco made in Sheffield. Os círculos canónicos non funcionan aquí. Todo o que é condeación para os creentes é salvación para os porcos bravos."

- porcos bravos? é un chiste? é unha etopeia?
- debes entender cales son os pecados dos porcos bravos e atravesar os círculos do seu inferno se queres recuperar a memoria. Debes saber se pretendes vivir. Que o teu orgullo non preceda á túa caída de novo.
 - ...
- O primeiro pecado do porcobravismo, as tres pes: prepotencia, pedantería e petulancia. O segundo pecado do porcobravismo: a nostalxia. O terceiro pecado do procobravismo: a falsa hipocresía. O cuarto pecado do porcobravismo: o hermetismo.

O home calou.

Tiven outro estoupido na cabeza:

A arte de perder domínase facilmente;
tantas cousas parecen decididas a estraviarse
que a súa perda non é ningún desastre

Boogie "o aceitoso" mirábame impávido, como un lansquenette do odio petrificado de súpeto.

No chan, baixo os meus pés, puiden ver unha inscrición sobre a pedra:
IX IX IX IX IX IX IX IX IX

Lembrei unha célebre enálaxe: son un foi, e un será, e un é canso.
Pechei os ollos, listo para a malleira.