header-photo

Reflexións Veraniegas Intempestivas. Unha Ollada ao Pasado Glorioso, Unha Pregunta Sobre o Presente Desolador e Unha Proposta Para o Futuro Próximo

 


Dicía Manuel Rivas que "o pasado só é o tempo que nos chega dende atrás". Lembreime desa frase cando, nun correo do Main (ou foi un whatsapp?), fun consciente dos catorce anos deste blog. Dos quince da competición. E de como o mundo de 2007 e de 2008 de súpeto, chegoume dende lonxe, como unha onda gravitatoria, perturbando o meu espazo-tempo e proporciondo así unha luz diferente ao que entón tiña o brillo deslumbrante da novidade. Visto dende 2022, 2007 aparece como un tempo case alucinatorio no cal resulta difícil pensar que vivimos algunha vez. O marco estrutural das nosas existencias mutou de forma substancial, conservando moitos hábitos e formalismos anteriores pero tendo dado paso a unha época diferente (peor). Un non sabe se botar man do apestado Vargas Llosa para preguntarnos con el "en que momento se fodeu o Perú, Zavalita?". En que momento se fodeu todo?

Eu, que tendo a idealizar o pasado por defecto e mesmo a vivir nel mentalmente durante algunhas tempadas máis ou menos longas, observo con certa sorpresa (non moita) o cambio de enfoque neste blog. O pasado, entendido como obxecto de celebración esporádica, como repositorio de eventos futbolísticos memorables e mesmo como material para entradas puntuais máis ou menos melancólicas relacionadas coa perda da mocidade, está a converterse en materia principal dos seus posts (valga este mesmo de exemplo: viva a recursividade). En árbore do que sacar combustible nunha operación moi semellante a aquela dos irmáns Marx en "Os irmáns Marx no Oeste", cando Groucho, encaramado á locomotora non deixaba de berrar "traede madeira!" mentras os seus irmáns ían esfarelando o tren para manter o tolo percorrido da locomotora. Neste sentido, un podería pensar en comparar ao Main con Groucho, ámbolos dous dispostos a todo para conseguir que a locomotora siga movéndose aínda que iso implique desmantelar por completo o tren do que vai tirando. Non serei eu quen faga semellante comparación. Gosto do Bann, pero xa van demasiadas veces observándoo dende o alto en movemento pendular sentindo unha sensación desagradable no pescozo. No seu libro "Teleoplexia. Ensayos sobre aceleracionismo y horror", escribía o filósofo inglés Nick Land: "Un anhelo polo mar aberto róenos, como a terra é roída polo mar. Unha escura fluidez na raíz da nosa natureza rebélase contra a seguridade da terra firme, provocando unha oleada de ansiedade na que quedamos mergullados, ata sentirnos afogados, mentras toda representación esvaece. Nihil ulterius". É nese anhelo polo mar aberto onde reside gran parte do pulo simbólico da competición. O motor da locomotora que xustifica o proceso de reciclaxe do tren anglogalicioso en combustible para seguir impulsándose cara adiante. O mar aberto que nas mitoloxías clásicas sempre recolle a necesidade de fuxir da seguridade e o confort seguindo a chamada do lonxano, a busca do destino que agarda ignorado máis alá das rutinas familiares e da fábrica de neuroses da nosa cotidianeidade. 

 


Este pulo, agora mesmo, convertido en mero material para tratar de manter prendido o lume competitivo está moi necesitado dun encontro real, dun confrontamento que poña a proba a fortaleza das falanxes porcobravas. Sen embargo, malia os esforzos para que a creatura olle cara o futuro, a entropía da propia competición semella estar convertindo ao futuro, ao tempo por vir, nun espectro, nunha pantasma, nunha imaxe que vai esvaecendo a medida que avanzamos polo interior do século XXI. A competición, alimentada compulsivamente do seu pasado, dos seus logros e fitos, dos momentos de gloria e das derrotas innombrables, parece presa dunha especie de bulimia autofáxica incontrolable que so fala do baleiro brutal no que se converteu o presente. A pregunta, chegados a este punto é obvia: que está a pasar coa facción británica da competición? Por que esta deixación de funcións (tan boris johnsoniana, por certo)? Gastouselles o amor de tanto usalo? Os interrogantes son moitos e, cando chega unha nova suspensión do anunciado partido anual (lembro os bós tempos prepandémicos cos dous encontros reglamentarios, dando sentido aos toques a rebato, ás crónicas oficiais e mesmo a miles de comentarios escritos coa intención clara de non deixar vivo a ninguén)

Era costume entre os nativos americanos sioux cambiar o seu nome varias veces durante a vida. A explicación era moi sinxela: a persoa que emerxe despois de cada etapa vital ten que diferenciarse da que que quedou atrás. O meu "eu" de hoxe, depositario dunha biografía chea de erros e contradicións, recoñécelles aos "eus" anteriores o traballo feito para chegar ata onde está pero reclama tamén a capacidade de autonomearse de forma coherente coas circunstancias actuais. A miña proposta, neste momento de disolución transitoria, de estado suspendido inducido pola deserción stag é "Algogalician cup". Xa que do lado galego persiste a vontade férrea de continuar asaltando terras estranxeiras pola vía futbolística, xa que no fogar de Breogán continúa moi viva a necesidade do mar aberto e de deixar atrás o que é familiar e coñecido para tomar ao asalto os campos de alá fora, deixemos no nome da competición o prefixo "-galician". Pero, xa que do outro lado non se sabe o que queda daquel espírito de 2007 -non está nada claro que o "Anglo-" non sexa algo máis que un recordo ou a fotocopia dunha fotocopia esvaída- igual toca retirarlles a parte do nome da competición que un día engrandeceron e ennobreceron nos campos de Pontevedra e Sheffield. Propoño degradar o "Anglo-" a un temporal "Algo-", etiqueta máis acaída e coherente co momento actual. 

Polo tanto, dada a incapacidade de resolver a cuestión de se os fillos de Albion voltarán algún día ás terras do Reino da Galiza (e viceversa), quizais unha opción pode ser comezar a pensar en novos contrincantes, en ampliar o campo de batalla xeográfico e en darse á tarefa de barallar nomes máis alá desta etapa transitoria de indefinición: Galogalician cup? Lusogalician cup? Deutschgalician cup? Despregar un mapa de Europa e lanzar o desafío da orejona a quen estea disposto a recollelo semella unha opción a considerar nestas circunstancias. Que quedaría así do espírito orixinal da competición? Perdida a referencia británica hai que dar un paso adiante para conservar o devandito espírito. Mutar para continuar coa odisea. Transformarse para perdurar. Bataille falaba sobre o "incesante esvaramento de todo cara a nada". A competición pode encarar este esvaramento con audacia e sobrepoñerse a el. Tomar o pasado como panca e o presente como auténtico toque a rebato para conxurar a pantasma dun futuro en permanente suspensión e así resolver a indefinición cun xesto decidido. A urxencia de recuperar a tensións dos enfrontamentos e a electricidade que rodeaba a liturxia anglogaliciosa esixe medidas contundentes. En certa forma, un renacer da competición, un retorno en espiral aos seus tempos iniciais, coa ilusión do que é novo e está cheo de potencialidades e de promesas. Coa certeza de que haberá aventura, de que haberá drama, de que haberá a posibilidade de voltar a casa -quizais coa dignidade ferida- co vello orgullo de quen o deu todo no campo de combate.