header-photo

Paranoia, Victimismo e Mercadotecnia: a Resaca da Final do Mundial de Fútbol 2026


O pasado domingo 19 de xullo disputouse a final do Mundial de fútbol 2026 coa victoria da selección de España fronte á selección de Arxentina. O equipo albiceleste, protexido dende o inicio da competición de forma clara pola FIFA de cara á consecución da súa cuarta estrela, viviu esta derrota dende unha posición de víctima dunha complexa operación internacional na que se mesturaban de forma creativa razóns deportivas, e xeopolíticas. A iniciativa “Repetir a final do Mundial 2026”, posta en marcha na plataforma change.org case ao día seguinte da final, leva recollido nestes momentos case 110.000 firmas e paga a pena entrar na web que a recolle e botar unha lectura por riba aos seus miles de comentarios para tomar conciencia do estado actual da conversa global que ten lugar coa excusa do fútbol.

Todo isto pode parecer unha tolemia sen pés nen cabeza, pero, a pouco que un rasque, o único que atopará será unha acción dotada dunha coherencia formidable cos tempos que vivimos. Eu case diría que os arxentinos que claman pola repetición do Mundial documentando a súa queixa en base a argumentos conspirativos de todo tipo so encarnan o zeitgeist da nosa época cunha exactitude extraodinaria. Non son a excepción trastornada dunha normalidade que vai por outro camiño, senón a personificación colectiva dun estado de ánimo e dun posicionamento político de alcance planetario. Ilustran, dramáticamente, o estado real dunha grande maioría de seres humanos machadas por dúas décadas de comunicación global e adicción xeral ao consumo 24/7 de fluxos inasumibles de informacións cun pé na ficción e outro na realidade.

Este Mundial 2026 tivo lugar nos EEUU (país, que, tras ano e medio de recunque trumpista, case podería pasar a chamarse Estados Fallidos de América), quizais o lugar do planeta onde a paranoia -articulada a partir de teorías da conspiración de todo tipo- ten devenido componente intrínseca da súa propia identidade. Lembremos que sempre hai na paranoia unha necesidade patolóxica de atopar un orde oculto tras a apariencia caótica da realidade (un psicoanalista falaría da necesidade dun Gran Outro capaz de dar conta de todo o existente). E as teorías conspirativas dotan dun suplemento emocional importante ao pulo paranoide ao victimizar a aquel que as enuncia. Sirva de exemplo paradigmático neste caso o declinante imperio norteamericano, bullie global cuxa historia recente (e non tan recente) é unha sucesión de actos criminais en medio planeta coas excusas máis peregrinas posibles, o cal preséntase continuamente como a víctima de todo tipo de contubernios, dende as accións do que eles chaman ”movemento woke” ata os movementos do (tamén denominado por eles) “grupo terrorista” chamado Antifa, ou desa entidade a que chaman agora mesmo “o comunismo internacional”. En todos os casos, excusas argumentais para desenvolver políticas totalitarias de corte fascistoide cara aos rivais internos e os (ex)socios externos.

O Mundial, así, tivo lugar no escenario máis proclive posible á proliferación de argumentos conspiranoicos. Case poderiamos dicir que na cuna do propio concepto. Porén, a historia comezou case exactamente de forma inversa, coas sospeitas sobre o favoritismo da FIFA con respecto a Arxentina cimentadas, sobre todo, en cuestións económicas (e tamén sentimentais). Así, puidemos escoitar ao propio Infantino exaltando o papel de Messi como catalizador do aumento do interese polo fútbol nos EEUU en novembro de 2025 e o seu desexo de que este participara no Mundial deixando no ar un “e que o gañe”. Se gran parte do público estadounidense ama a un crepuscular Leo Messi e este vai participar no seu último torneo mundial, o “xusto” na lóxica deportiva actual sería que o gañara por segunda vez consecutiva. Estes antecedentes, sumados ás circunstancias que rodearon a clasificación de Arxentina rolda tras rolda, máis que alimentar unha teoría da conspiración parecía confirmar a intención do aparato de marketing da FIFA de redondear o asalto do fútbol profesional a un dos maiores mercados do mundo que aínda se lle resistía vía triunfo épico da estrela senescente.

Pero, como ben sabemos, as cousas non saíron como parecían estar planeadas. A porcentaxe de incertidume que por sorte aínda permite a aparición do sorprendente e do inesperado nun partido de fútbol, fixo que o guión sufrira unha grave alteración no seu acto final. España gañou ante unha Arxentina que, sirva de resume do partido, rematou cero veces á porta. É difícil saír gañador de ningún torneo presentando semellante tarxeta de visita.

A partir de aquí, produciuse o estoupido dun feixe de teorías da conspiración artelladas arredor da derrota final da albiceleste (tras ter vencido en semifinais a unha Inglaterra suicidada de manera patética). Estas son ata fermosas na súa florida imaxinación. Enumero aquí algunhas delas porque son auténticas perlas que poderían fundar un subxénero literario en si mesmo, cun ollo en Thomas Pynchon e outro en Pedrerol ou Alfredo Relaño como fontes de inspiración:

1) A exhibición da bandeira reclamando a arxentinidade das illas Malvinas no partido fronte a Inglaterra. Isto tería dado lugar a amezas por parte da FIFA conminando aos arxentinos a deixarse perder na final para non repetir o xesto en caso de ter gañado.
2) A presión dos clubes da liga inglesa sobre os futbolistas arxentinos que xogan nese país. Esta parece un apéndice da anterior e forma parte, sen dúbida, da paranoia que ve a longa man da pérfida Albion detrás de cada traspés arxentino.
3) Os intereses das casas de apostas deportivas. Suponse que habería xente interesada na derrota arxentina apostando grandes sumas de diñeiro capaces de presionar aos xogadores para que se deixasen gañar pola selección española.
4) A intervención do FBI intentando deter o presidente da Asociación do Fútbol Arxentino, Claudio Tapia, en plena final. Non atopei un motivo claro para esta acción, nin tampoco vídeos nos cales se pudiera deducir que tivera pasado algo así.
5) O mandato FIFA para impedir que existan bicampións nos mundiais. Esta é un clásico da rumoroloxía. E cada vez que o campión dunha edición non repite título, a teoría vai fornecéndose case sen querelo.
e 6) As ameazas aos familiares dos futbolistas para que os xogadores diminuísen o seu rendemento.


Circulan moitas máis por internet adiante. Algunhas falan de intervención máxicas e de bruxería. Outras de alteracións na liña temporal (sexa o que sexa iso) e de futuros alternativos (sexa o que sexa iso) que non corresponden ao curso lóxico da Historia (sexa o que sexa iso). A partir de aí, un abismo de infinitos mensaxes en contas de instagram con 15 seguidores ou en vídeos de tiktok con 137 visualizacións nos cales se perde definitivamente o asidero coa realidade. Para moita xente todo isto ven sendo unha mestura entre o simple desfogue, a coña mariñeira de sempre e unha sorte de terapia DIY na cal se dá sentido a un acontecemento traumático ao tempo que se experimenta unha intensa sensación de pertenza.


Este fenómeno conspiranoico pois, xenera un efecto paradoxal: sendo unha experiencia profundamente individual, remata conducindo á creación dunha comunidade global de persoas unidas por un sentimento de agravio poderosísimo. Quizais, por riba de todo, e elevando o ángulo de visión, é unha proba empírica de que o coñecido argumento de “non hai que mesturar o deporte coa política” é unha idiotez de dimensións cósmicas. Deporte e política están, neste século XXI (pero xa tamén antes) ligados inexorablemente, compartindo ambos posta en escea, mecanismos narrativos, argumentacións paralelas e técnicas de márketing e desinformación xemelgas. A infección conspiranoica non é o síntoma dunha situación de excepción senón o certificado de que neste momento da Historia, a normalidade no deporte e a política pasa por estes mecanismo patolóxicos de lectura da realidade. E non ten pinta de que vaia cambiar no medio ou longo prazo. Máis ben todo o contrario. Mentras tanto, disfrutemos dos relatos. Non serán veros, pero moitos están bastante ben trovatos.