header-photo

O Fútbol É A Guerra Por Outros Medios. De Berserkers, Nobres Franceses Psicópatas e Outras Especies (Bravas)


En “Fanged Noumena” o libro que recopila en castelán parte dos escritos do filósofo inglés Nick Land (o pai do “aceleracionismo”), aparece un texto titulado “Despois da lei”, no cal o autor traza unha reflexión sobre os asasinatos atroces de Gilles de Rais durante o século XV. A partir dos escritos de Bataille -en especial os de “A parte maldita”-, Land traza un retrato moi atinado sobre as accións de Gilles de Rai e o seu significado no seu contexto histórico. Di Land: “co protestantismo histórico, as válvulas de escape transgresoras da sociedade son desritualizadas e expostas a unha condena efectiva, unha tendencia que culmina coas explosións de atrocidade asociada cos escritos do Marqués de Sade a finais do século XVIII e, case tres séculos antes, coa vida de Gilles de Rais”. Fillo dos nobles Guy de Laval e Marie de Craon, de Rais pasou a súa mocidade facendo o que se supón que debían facer os nobres da súa época: guerreando e dilapidando a inmensa fortuna herdada dos seus pais. Land, citando a Bataille di: “a traxedia de De Rais, que Bataille extende ao conxunto da nobreza, foi a de vivir a transición da sociedade suntuaria á racional; e dende o seu nacemento adicouse ao militarismo insensato da aristocracia frances que Bataiile resume coa seguinte fórmula: «Así como o home sen privilexios víase reducido á obriga de traballar, o privilexiado debía facer a guerra» […] Máis importante foi o fluxo e o refluxo incesante das confrontacións militares, nas que a vida e as riquezas podrían ser derrochadas sen límite. De Rais abrazou este escuro corazón do mundo feudal con peculiar ardor, sinalando Bataille: «…encarnou o espírito daquel feudalismo cuxa axitación procedía do xogo de Berserker: estaba unido á guerra por unha afinidade que era o último complemento ao seu gusto polas voluptuosidades crueis. Non tiña outro lugar no mundo que o que a guerra lle outorgaba».”

Pero esa guerra que tanto lle gustaba a De Rais, en paralelo aos avances da tecnoloxía militar, foi convertíndose en algo cada vez máis racionalizado, máis científico e suxeito ao cálculo. Bataille, nun párrafo describe este momento así: “pero no instante no que as políticas reais ou a intelixencia impóñense, xa non estamos nun mundo feudal. A intelixencia ou o cálculo non son nobres. Non é nobre calcular ou reflexionar, e ningunha filosofía podería ser capaz de encarnar o que é esencial da nobreza”. Retirado dos combates, do derroche de medios materiais e humanos, do fragor das batallas nos que De Rais sentíase realmente vivo entre a sangue dos seus inimigos, rematou retirándose a unha das súas fortalezas. Dende ela puxo en marcha o asasinato sistemático de máis de douscentos nenos das aldeas veciñas, transformando a súa pulsión guerreira nun sucesión de actos absurdos de maldade indescritible. De novo, Bataille: «Os crimes de Gilles de Rais eran os do mundo onde os cometía. Os movementos convulsivos daquel mundo son os que explican aqueles estrangulamentos”. E Land ao final do seu texto: “O asasino psicópata é tanto a xustificación final da lei como punto de transición do mal á patoloxía, ou da alma criminal das sociedaddes políticas ao bug da xeración cibernética en fase-mercancía. […] O De Rais de Bataille é un fallo no control económico”.

O contexto dos crimes raisianos dende esta perspectiva coloca a este na situación dunha especie de cristalización dos valores dunha época que estaba a esmorecer. O ardor guerreiro do nobre francés entregado ao derroche insensato no campo de batalla vai quedando sen material combustible a medida que avanza o século XV. O puro espírito berserker, cercado por unha sociedade que vai avanzando tecnolóxicamente e que vai racionalizando e centralizando a actividade económica, vai rematando sen espazo para dar saída ás súas manifestacións. Algo deste espírito residual correspondente a un cambio de época acontece dende fai un tempo nas sociedades occidentais. O proceso semella ter certo ar de familia co exposto por Bataille e Land: quen diría que, no noso tempo gobernado pola razón tecnocientífica e o egoísmo economicista iamos encontrar explosións de violencia berserker masivas desatadas polo planeta enteiro adiante?



Quizais a forma (sublimada e ordeada) máis exitosa disto sexa o mundo do deporte contemporáneo. E, dentro deste, o mundo do fútbol. Pero as cousas non son tan simples. Temos así, por unha banda, aos equipos de fútbol profesional deseñados en laboratorios tecno-deportivos nos que se fan descricións estatísticas pormenorizadas do rendemento de cada xogador así como modelos matemáticos da súa productividade esperable ao longo dunha tempada. Non é casual que a rapazada que fai anos desfrutaba xogando nas consolas ao FIFA nas súas sucesivas versións agora mesmo estea máis atraída pola parte deste xogo adicada á xestión empresarial dun equipo de fútbol. O management resulta xa máis atractivo que o propio xogo. A xestión racional e utilitarista na cal os xogadores son figuras intercambiables nun mercado global parécelle, a moitos adolescentes, máis interesante que botar unha partida na Play cos colegas (como se isto xa fora cousa de trintañeiros oldskool). Dado que os equipos son sociedades anónimas, o seu obxectivo é a obtención de beneficios, e, a ser posible, que cada tempada estes presenten incrementos de dúas cifras con respecto aos de anos anteriores. O destilado final desta evolución é o proxecto -agora gardado nun caixón- da superligaeuropeademegacampións pomovida por empresarios da construción vidos a máis e multimillonarios petroleros desde os seus postos presidenciais. Porén, doutra banda, fronte a este fútbol profesionalizado, tecnificado, racionalizado e -nalgún momento do futuro- probablemente xogado por IAs en corpos robóticos, está o outro fútbol, o que Nick Land e Bataille chamarían fútbol medieval ou fútbol berserker. Os xogadores desde outro fútbol non están intersados nas follas de excel nin nas gráficas de rendemento nin nos parámetros biomédicos óptimos. Máis ben, certo espíritu militar combinado cunha sublimada paixón pola violencia controlada, parece posuir a estes practicantes. Como se foran herdeiros non declarados dos nobres medievais, o seu gusto non reside nas tácticas nin nas estratexias. O espírito é o da conquista e a destrución (simbólica) do rival. Unha especie de rebeldía non-irónica fronte a corrente dominante, un remanente de desenfreno vital sen sentido fronte aos esquematismos imperantes neste deporte.

O paradigma deste fútbol medieval/berserker é, claro está, a nosa competición favorita. Ese derroche de recursos, de tempo e de enerxía sen outro obxecto que recuperar as vellas emocións da adolescencia. Lonxe de calquera utilitarismo ou de calquera pretensión de beneficio económico, os nosos xogadores saltan ao terreo de xogo posuidos polo espírito dos nobres do século XV. Como se nos seus corpos se adiviñaran as coordenadas vitais doutra época e os intereses persoais doutro momento das propias biografías. O remprazo do campo de batalla polo campo de fútbol e do armamento polas botas e o balón dá lugar a un resultado interesante: pode haber lesionados ou mesmo feridos, pero a cousa nunca irá máis alá no que a danos persoais se refire. A victoria/aniquilación do rival/inimigo sublímase no triunfo no marcador. Os berserkers non aspiran máis que a unha masacre simbólica regada pre e postpartido non co sangue do contrario senón coas cervexas que cada corpo sexa capaz de asimilar. O campo de batalla exténdese con amplitude mái alá do propio terreo de xogo, abarcando cidades e mesmo países enteiros. Detrás de todo o proceso atopamos un exemplo claro diso que Bataille chamaba a experiencia soberana. A competición asemellaríase así, tamén, á poesía -a cal Bataille incluiu entre as formas do gasto improdutivo, sen finalidade-, sendo por tanto paradigma do rexeitamento de calquera forma de utilitarismo e reducto dun grupo de seres a contracorrente fronte a comprensión xeralizada do ser humano como homo economicus (a persona racional, que maximiza a súa utilidade, tratando de obter os maiores beneficios cun esfuerzo mínimo).

Os herdeiros dos berserkers e da nobreza guerreira están, por fin, de volta. A cabalo entre setembro e outubro asistiremos a un novo potlach de resultado incerto e consecuencias impredecibles. Entre o alento poético e a destrucción persoal, entre a sede de victoria e a sede a secas, entre a conquista do territorio alleo e o turismo low-cost, entre a defensa do propio e a benvida xenerosa ao invasor. Isto é a AGC. Gilles de Rais non acabaría como acabó de mal se tivera tido a oportunidade de xubilarse do seu -matar xente no campo de batalla- entregándose á Causa. Longa vida á competición. Longa vida ao porcobravismo rampante. Longa vida a todo o que é intempestivo, a todo o que carece de utilidade declarada, ás explosións irracionais de vitalidade desbordante, a todo o que signifique saírse do guión da previsibilidade, da utilidade e da maquinaria embrutecedora da racionalidade práctica. Longa vida ao todo o que nos fai humanos precisamente porque, como humanos, nos pon nunha situación que compromete tal condición. Longa vida.