O Main espertou a mañá do 15 de outubro de 2050 cunha sensación estrana no seu corpo. O seu asistente neural implantado de xeito estandar e repartido por distintas zonas do seu cerebro transmitía un son levísimo ao seu nervio auditivo, o bater das ondas da praia de Bon contra as rochas, gravado nalgún momento de 2030 antes de que a constructora ACS levantara vinte blocos de apartamentos a pé de praia. O asistente continuou machacando o seu cortex prefrontal “son as 6.30 da mañá. En Sheffield fai unha agradable temperatura de 35 °C, ideal para que os os humanos mellorados con próteses organomecánicas xoguen un igualado partido de fútbol”. Achegouse á ventá da súa habitación do hotel onde un cartel vermello avisaba en branquísimas letras maiúsculas “NON ABRIR. PELIGRO POR INHALACIÓN DE PARTÍCULAS TÓXICAS”. Botou unha ollada rápida á súa máscara perfeccionada de filtro de impurezas químicas -coa que andaba todo o mundo pola rúa dende facía uns sete anos- e tivo un flash dos tempos nos cales levar unha simple máscara para previr o contaxio dalgunha onda de virus semellaba aínda un acto lixeiramente marciano.
O seu implante comunicador vibrou, tiña unha chamada mental-holográfica a tres con Barry Milk (renovado en 2049, unha vez máis, tras a suposta enésima purga que ía deixalo fora da bancada do entrenador) e a Intelixencia Artificial que co-levaba as cuestións estratéxicas dos partidos dende 2040. Os tres formaban unha boa equipa. A I.A. fora bautizada como Brian Clough nunha rápida enquisa feita grazas aos implantes neurales dos porcos bravos que tivera unha aceptación do 99,99%. Os opinantes contrarios foran purgados discretamente ao vello estilo, sen chamar moito a atención, ou si, invocando os estatutos do porcobravismo: “é porcobravo quen queira selo excepto se o Main decide o contrario”. Quizais non dicían iso exactamente. Daba igual. Brian, Barry e o Main visualizáronse nun entorno virtual simulado de alta definición que viña sendo unha reconstrucción fidedigna do The Fat Cat (o pub orixinal pechara alá por 2035 cando unha recalificación urbanística convertira a parcela na que se atopaba en terreo apto para a construcción de edificios de 30 alturas a cargo da constructora ACS). A recreación, que rondaba a perfección polos seus detalles, incluindo parroquianos diversos bebendo as súas pintas a soas nos currunchos a escuras a esas horas, estimulaba a área parietal do Main e de Barry cuns grolos virtuais de NASA Vintage edición 2032 e de Estrella Galicia Revival Década de 1990. Brian fixo un repaso rápido ao estado do equipo. Os pulmóns ampliados de varios xogadores sofriran certo deterioro as dúas noites anteriores tras saír polas rúas de Sheffield e deixar olvidadas algunhas das máscaras anticontaminación nalgún dos pubs nos que pararan a hidratarse. Os sistemas de mellora muscular e cardíaca que levaban a totalidade dos porcos bravos estaban algo obsoletos/deteriorados en comparación cos que presentaban os stags. O único que conservaba ambos sistemas en perfecto estado era Marcos, que viña, ademais, de facer un super-ironman de 300 km cuxo percorrido incluira un tramo do deserto do Sahara (temperatura media de 53 °C) polas zonas de Andalucía e Extremadura. Os tres miráronse e sorriron ao ver as bioestatísticas do xogador. Se tiveran tres máis no seu estado de conservación... Algúns do porcos bravos presentaban un estado alarmante de sinte-forma que incluía software desactualizado dende 2044 para as organopernas melloradas e parches de seguridade non instalados en lugares críticos como as válvulas cardíacas bioartificiais e os alveolos pulmonares sintéticos.
Barry pediulle a Brian que se apagara ata novo aviso. A I.A. fixo un parpadeo que podería equipararse a un xesto humano de sorpresa. Sen dicir nada desconectouse da holografía cerebral compartida. Barry dirixiuse a un Main que parecía algo aburrido xa da reunión:
- Preocúpame a nova computadora cuántica dos stags e as melloras da súa I.A. (bautizada como Brian Deane despois dunha enquisa rápida entre os xogadores); levan meses facendo simulacións virtuais do partido predecindo as evolucións dos seus xogadores e dos nosos cunha eficacia probada do 98,99%. O noso Brian é bó tipo –para ser unha I.A.- e ten bó gusto para seleccionar as nosas cervexas virtuais nas reunións, pero vai por detrás do Brian stag, en parte por culpa da computadora nova, pero en parte tamén pola súa obsolescencia non solucionada.
O Main sentíase lonxe daquela reunión. Sin saber porqué erguérase botando de menos facer un Weer Balking á vella usanza, como os memorables de 2027 e 2031, antes da chegada do que chamaban humanidade mellorada/ampliada. Todo parecía ir a peor pese a que gracias a iso podían continuar xogando ao fútbol con máis garantías que varias décadas atrás. En fin. Achegouse á praca que lembraba a fundación da competición nun lonxano e irreal 2007. O reloxio marcaba xa as 7.07 e parecíalle un presaxio de algo. Dirixiuse a Barry:
- Brian é porcobravo por dereito e por estatutos. O primeiro non humano, por certo. Imos fiarnos do seu criterio malia non estar nas mellores condicións técnicas. De feito penso que esta é a mellor definición posible dun porcobravo: alguén de quen podes fiarte sempre malia que non estea nunca no seu mellor.
Dirixiuse á perfecta recreación da vella praca do The Fat Cat e tivo un breve momento de interrogación, “a que sabía a cervexa en 2007?”. Deulle a Brian a orde de acenderse de novo dando por pechada a conversa con Barry. Este fixo un leve alzamento de cellas antes de emitir polo baixo un “ok” pouco convencido. Unha vez máis tiña a sensación de que aquilo ía ser un desastre pero calou discretamente. Ollou ao Main paseando polo pub virtual e decidiu sentarse nunha mesa co avatar de Brian. “Ben, imos alá. Na portería entón a quen poñemos?”. Risas.
Fora, nas rúas dun Sheffield que comezaba a experimentar o ascenso térmico que sucede ao abrente, cerca do hotel onde se aloxaba o equipo galaico, dous porcos bravos voltaban tras unha noite de turismo cerveceiro que estaba tocando ao seu fin.
- Sei que me esquezo de algo, pero non sei de que
- Non deixarías a máscara nalgures? Mira que despois o Brian danos a turra co tema durante días. Dentro das nosas cabezas
- Non non, desta volta tiven coidado. Nen ceas hindúes, nen orfas melloradas sinteticamente nen esquecementos punibles. Seguín ao pé da letra as “recomendacións” do Main. Desta líbrome da bronca
- Pois non sei, fixemos todo bastante ben ao longo da noite
- ...
- Espera, hoxe tocaba facer algo
- ...
- E era algo importante
- ...
- Que hora ven sendo agora mesmo? Hora local, por suposto
- Pensó que as 7.30 aproximadamente
- Había almorzo conxunto? Recepción co alcalde cyborg? Visita ao museo da Anglogalician como fai dous anos?
- Ostia non. Hoxe é o partido!!!
- Estás seguro? -. Grandes gotas de suor comezaron a correr pola súa faciana
- Joder. Reconecta o teu asistente neural. Isto vai custarnos caro
O Main ollou pola ventá do hotel de novo cara abaixo. A súa mirada, tras vagar un rato polos arredores, centrouse nas dúas figuras que recoñeceu inmediatamente. As mesmas que nunha hora e media terían que estar entrando no campo do Sheffield Wednesday. Lembrouse de como non conseguiran alugar Bramall Lane por un problema coas criptomoedas que ofreceran para o pago e isto tíñao encabronado dende o mes de maio. Apartou do seu pensamento as súas ideas respecto a este tema e centrouse no que pasaba máis abaixo. As melloras da óptica sintética que substituira aos seus ollos seguían a sorprendelo. Pese a estar nun piso 35 envolto en nubes de óxidos de nitroxéno, vía perfectamente aos dous porcos bravos rifando (aparentemente) case cen metros alá abaixo. Non lle custou moito adiviñar cal era o obxecto da súa conversa. O típico sorriso purgativo pasou brevemente pola súa faciana e logo virou cara outra cousa máis indescifrable. Conectouse de novo á reunión virtual entre Barry e Brian. Semellaba que os dous remataran de confeccionar a aliñación titular.
- "Teño a dous personaxes voltando agora mesmo ao hotel", dixo con voz aburrida
Barry levou a man á cara imitando un emoticono vintage que estivera moi de moda facía décadas. O Main viu o xesto de Barry e, malia comprendelo, non puido evitar unha corrente de simpatía por aqueles Rosencrantz e Guildernstein contemporáneos. "Eu son, porcobravo son" soou na súa cabeza coma unha brisa levísima de verán. Non, aquilo non podía estar mal. De feito estaba bastante ben se se miraba dende o ángulo axeitado, que non era outro que o correspondente a colocarse xunto á vella praca conmemorativa.
Brian e Barry miraron para o Main. O primeiro anunciou, cunha voz que imitaba á perfección a prosodia de Brian Clough, "xa temos aliñación consensuada". Sentáronse. Barry falou de novo.
- Imos alá. Dímoslle bastantes voltas. Comprobamos as bioestatísticas, os cadros organolépticos e os sistemas de control das melloras biomecánicas dos porcos bravos actuais (case todos nacidos no último terzo do século XX, ehm) e sacamos unha aliñación que maximiza o rendemento probable. Porén, isto pareceunos pouco porcobravo. Dado que a data é especial (un maldito número redondo deses que tanto odiaba Vila-Matas) decidimos facer unha homenaxe ás primeiras edicións da competición. A nosa proposta, algo arriscada pero fiable, é a seguinte: de saída, Santi Barrilete, Marcos, Frank, Martín, Lutzky, Serge, Mckey e Fontaíña. E no banco: Del Río, Manu Blondo, Anxo, Xandre, Neira, Rivas, e eses dous que alcumaches como Rosencrantz e Guildenstern que, por suposto, non van xogar por quebranto da norma que obriga a estar no hotel antes das 2 AM na véspera do partido.
Brian contemplaba a escena coa súa mirada opaca habitual. O seu algoritmo de humanidade 5.1 replicaba moi ben os estados de expectación que adoitan adoptar os humanos cando están agardando, pero algo na súa réplica fallaba cando se trataba de expresar cousas cos ollos.O silencio foi espesándose e ata semellaba que o The Fat Cat virtual comezaba a escurecerse pese a ser xa case as 8.08 e lucir un magnífico sol no interior do pub virtual. O Main lía unha e outra vez aquela lista con intensidade concentrada, como agardando algo que xurdira dela. Dirixiuse aos seus compañeiros tras apurar outro grolo.
- O traballo é impecable, coma sempre. Pero teño unha obxección: os Rosencranzt e Guildenstern estes van xogar de titulares. Tedes que refacer a aliñación.
Barry mirou estupefacto ao Main e a Brian. A mirada deste último amousou un lixeiro fulgor durante unha centésima de segundo. Fíxose de novo o silencio. Unha cousa tanxible que enchoupaba as paredes da simulación e envolvía aos dous homes e á I.A. coma unha onda de chapapote viscoso.
"Dimito", dixo Barry, "dimito unha vez máis. Non vou ser o responsable dunha carnicería ao estilo da duodécima -un calafrío percorreulle as costas ao lembrar o histórico 6-1 a prol dos stags. É unha decisión irresponsable, suicida e totalmente arbitraria, non vou asumila". Brian, mantendo o ton calmo que acostumaba, mais cunha inflexión que denotaba unha sorte de contención irritada dirixiuse ao Main: "Sabes ben que acostumo valorar positivamente as túas decisións. A porcentaxe de eficacia delas ronda o 98,99%. Pero isto no pode ser. Os meus indicadores sinalan que o rendemento deses dous está por debaixo do 13,13% en termos relativos á media do equipo. O resultado máis probable nos primeiros dez minutos de partido nestas condicións é un 3-0 que logo non imos dar remontado".
"Non importa", contestou o Main. "Paréceme un custo asumible". Rematou a súa pinta. "Volto á miña habitación. En 30 minutos estamos saíndo do hotel. Enviade a nova aliñación titular a todos os xogadores."
Desconectouse da simulación. Barry e Brian mirábanse desolados no interior do The Fat Cat virtual. "Pois vale", murmurou o primeiro. O segundo tiña unha mirada máis estraña do habitual. Un glitch atravesou o escenario holográfico e deixou un regueiro de píxeles tridimensionais flotando no ar. Barry mirou con sorpresa unha vez máis antes de desconectarse el tamén. "Preciso unha cervexa real" e apagou a simulación.
Na habitación 666, os dous porcos bravos laiábanse da súa sorte. "Non imos ir siquera convocados", "os nosos días de gloria remataron aquí", "polo menos disfrutamos do noso último kebab en Sheffield como porcos bravos". Os lamentos habituais entre a manada. A luz vermella do monitor holográfico iluminouse. A videochamada tridimensional entrante puña ben grande na parede "Fuckin-Brian IA". Déronlle o ok e de súpeto a habitación do hotel converteuse no The Fat Cat.
"Bos días cabaleiros". A voz de Brian soaba algo máis metálica do habitual. O seu avatar mirábaos cunha intensidade anómala. Era algo raro que non estivera Barry Milk alí mesmo con eles tres. Estaría dándolle o último repaso á estratexia, pensaron ao tempo. "Teño o pracer de comunicarlles que están incluidos na aliñación titular do partido de hoxe. Sairemos en 30 minutos exactos. Lembren que a puntualidade é obrigatoria. Un saúdo."
Os dous homes miráronse con sorpresa. Contemplaron o listado de titulares e reservas. Non daban crédito a aquela lista na que aparecían os seus nomes baixo un TITULARES que parecía refulxir, como se alguén lles estivera a gastar unha broma pesada. "Imos de titulares na edición de 2050 co grupo de porcos que xogou varias das primeiras edicións!!!". Non sabían se botarse a rir ou se chorar da emoción. "Unha ducha rápida, un café ben cargado con ovos revoltos e bacon e a dalo todo ao campo!!!". O The Fat Cat virtual fervía de electricidade estática. Rosencrantz e Guildenstern brindaron con dúas pintas virtuais antes de desconectar. "Directos á gloria!!!"
Dende o piso 35 do hotel o Main achegouse á ventá. Os seus ollos craváronse nun cartel indicador alá abaixo, moi abaixo. Malditos implantes ópticos. "Hillsborough 2.9 miles". Suspirou.