header-photo

Síndrome Metabólico, Brexit Duro, Fascismo Circense e o Segundo Centenario da Masacre de Peterloo: Unha Ollada á Inglaterra -e non so- que Está a Piques de Deixar Europa


Este 2019 celébrase a XVI edición da AGC en terras británicas. Do 4 ao 7 de outubro os Porcos Bravos loitarán contra os elementos -os restaurantes hindús, as rutas de pubs por Liverpool, os fish&chips desbordantes de graxas, os renovados stags- por traer o trofeo máis prezado do fútbol europeo á nosa terra. Por unha desas ironías do destino, o último mail do Main, do pasado 5 de agosto, advertía aos integrantes do porcobravismo: “Por si acaso saquen pasaporte, que Boris está que se sale”. A predición ven de cumprirse dramaticamente: o 28 de agosto a raíña de Inglaterra asinou a orde pola cal o Parlamento británico pechará do 12 de setembro ao 14 de outubro, imposibilitando así na práctica calquera intento por parte dos deputados de parar o Brexit "duro" no que está embarcado o Boris. As protestas, no momento de escribir isto, foron inmediatas na maioría das cidades inglesas: un presidente non electo (está aí pola dimisión de Theresa May) forza a legalidade para inhabilitar ao Parlamento nun dos momentos máis delicados da historia do país.



 A medicina fala de Síndrome Metabólico cando un individuo presenta simultaneamente tres destas cinco características:
    •    Obesidade central, definida como unha circunferencia abdominal maior ou igual a 102 cm en homes e 88 cm en mulleres.
    •    Hipertensión arterial en tratamento ou presión arterial maior o igual a 130/80.
    •    Diabetes en tratamento ou nivel de la glucemia en xaxún maior ou igual a 100 mg/dl.
    •    Hipercolesterolemia en tratamento ou colesterol-HDL reducido, menor de 40 mg/dl en homes ou 50 mg/dl en mulleres.
    •    Hipertrigliceridemia en tratamento ou trigliceridemia maior ou igual a 150 mg/dl.

O síndrome metabólico é o paso previo a unha probable diabetes de tipo 2 ou a algunha enfermidade vascular de gravidade. Dalgunha maneira as nosas sociedades occidentais están atacadas por este mal en distintas porcentaxes segundo idades e poboacións. Esta diagnose médica pode ser trasladada ás nosas democracias cada vez menos democráticas: nos últimos tempos semellan están a ter taponadas as súas vías circulatorias por ese exceso de graxas saturadas ideolóxicas e azucres políticos que chamamos populismos de (ultra)dereita, cuxos principais expoñentes son ben coñecidos: dende o ultrarico clown laranxa obsesionado cos muros que goberna os Estados Unidos ata o clasista etoniano que ven de paralizar o parlamento británico, pasando polo ignorante e ultrarelixioso ex-militar brasileiro ou os salvadores da civilización cristiá italiano e español respectivamente. Todos eles funcionan como indicadores dun síndrome metabólico colectivo que apunta no tempo cara un colapso funcional dos réximes democráticos. Aquela vella idea do pensador conservador Carl Schmitt de que “soberano é quen ten a facultade de proclamar o estado de excepción” aplícase coma un guante a todos os integrantes desta banda, -convencidos de ser os verdadeiros soberanos- unida no fundamental polo seu apoio sen fendas ao gran capital internacional e polo desexo de seguir afondando no espírito daquela frase do multimillonario norteamericano Warren Buffet: “hai unha guerra de clases, e a estamos gañando os ricos”. A democracia é o medio. O estado de excepción a finalidade á que, máis ou menos, todos eles aspiran de forma máis ou menos explícita. Detrás das desregularizacións neoliberais e as súas promesas de "liberdade" individual sempre van de contrabando as medidas autoritarias que preceden ao fascismo.

American metabolic syndrome greeting English metabolic syndrome

Por outra ironía da historia, o pasado 16 de agosto cumpriuse o segundo centenario da chamada “Masacre de Peterloo”, acaecida no St. Peter's Field, Manchester, cando a cabalería da milicia local cargou contra unha multitude que rondaba os 60 000 - 80 000 individuos. O delito? Manifestarse para solicitar a reforma da representación parlamentaria facéndoa minimamente democrática. Na carga morreron 15 persoas e centos resultaron feridas (600, segundo a placa conmemorativa que hai na propia cidade de Manchester). As guerras napoleónicas deixaran a Inglaterra nunha situación económica que rondaba a ruína, con fames continuadas e desemprego crónico entre a poboación xeral. O goberno, máis preocupado pola paz social -ese pacto tácito entre clases que as clases dominantes adoitan non respectar case nunca- que pola democracia e o reparto da riqueza respondería cun conxunto de leis que tendían a reprimir as reunións “radicais” e aos xornais que apoiaran tales ideas, así como a previr a posible militarización da poboación descontenta.




Vendo as protestas contra o peche parlamentario forzado que están a ter lugar baixo o lema “Stop the coup” é inevitable pensar nun Peterloo actualizado dacordo coas posibilidades que ofrece a tecnoloxía. As actuais pulsións totalitarias dos populismos de ultradereita camúflanse baixo postas en escea circenses amplificadas nas redes sociais. A estratexia é clara. Centrar a mirada do espectador nese teatro virtual que é Twitter a golpe de declaración escandalosa e peiteado extravagante, mentras centos de miles de bots e contas fake dan likes e RT sen descanso, para ir encadeando os golpes máis duros por detrás e sen chamar moito a atención. O ultrarico clown laranxa norteamericano e o clasista etoniano británico comparten gusto polo exceso verbal e polas prácticas autoritarias neoliberais. Os seus obxectivos aparentes -os migrantes, as feministas, os movementos pro-dereitos LGTBI+- son so a metade da aposta. A outra, a máis potente, ten que ver co derrubo dos restos do sistema público -a educación e a sanidade gratuítas e universais basicamente- e con iso que David Harvey chama acumulación por desposesión ("crear" riqueza empobrecendo aínda máis ás capas máis desfavorecidas da sociedade). Todo a golpe de fake news e de chamadas engoriladas ao orgullo nacional que, lamentablemente, funcionan entre sectores variados das nosas sociedades. Polo menos tan ben como a publicidade de comida lixo e os anuncios de refrescos petados de azúcar.

O síndrome metabólico das nosas sociedades repártese equitativamente entre as dúas caras da mesma moeda: o réxime socioeconómico que coñecemos como neoliberalismo por unha banda, e, pola outra, ese (proto)fascismo que inunda as institucións por camiños democráticos. A liberdade individual das persoas para matarse a base de bigmacs, kebabs e nuggets ten o seu correlato político nesa “liberdade” que reduce a política a simple competición electoral cada equis anos facendo que as sociedades ás veces escollan aos representantes das clases dirixentes como se foran heroes das clases populares (as vantaxes de posuir en propiedade -ou de ter amigos propietarios- a maioria dos medios de comunicación). Competición electoral que, por suposto, impide calquera impugnación do sistema económico actual: alguén imaxina que sucedería se se tomasen medidas como volver a ter un banco público, unha empresa de telecomunicacións pública, uns asteleiros públicos, uns aeroportos públicos ou unhas enerxéticas públicas? Eu si: o gran capital internacional faría caer ao goberno do país que o levara adiante e vestiría tal acción como unha "revolución pola democracia e as liberdades" ou algunha outra trapallada polo estilo.

A analoxía médico-gastronómica ten como coda a prescrición dun tratamento concreto. Estaría ben que nos pasarásemos a unha dieta política baixa tanto en graxas saturadas como en carbohidratos de absorción rápida, que fixeramos exercicio e que levásemos unha vida máis vivible en xeral, alonxándonos todo o posible do modo contemporáneo, que coa súa mestura de hiperexcitación permanente e fatiga crónica está a acabar con nós. O certo é que toda esta comida-lixo política está de moda -estamos no punto alto da onda (proto)fascista-, pero o único bó do noso tempo é que as modas non adoitan durar demasiado. Pregúntome se, para cando as consecuencias de todas estas escollas electorais comecen a pasar a súa factura, non será demasiado tarde. Probablemente si. Fai xa unhas décadas que o xénero humano está embarcado como especie nunha sorte de suicidio colectivo pola vía da apocalipse medioambiental acelerada. Toda esta hiperreacción dereitista leva dentro de si un escuro nihilismo que parece ansiar a desaparición da maior parte da nosa especie.

Botando un ollo cara atrás observamos que a AGC ten sobrevivido a unha crise das finanzas internacionais (2008-2018) sen precedentes na historia dos países occidentais (parece ser que xa estamos entrando noutra de cabeza, que viva o réxime neoliberal e a refundación ética do capitalismo que prometían as elites institucionais!). Ten sobrevivido ao temible relevo xeracional e aos inevitables conflitos internos. Ten sobrevivido ao hermetismo do seu EAM e ao boicot permanente do facebook. Ten sobrevivido a partidos con escuras arbitraxes e a polémicas interminables nos comentarios do main blog. Como levará a competición ás consecuencias dun brexit “duro” que voltará estranxeiros tanto aos ingleses que viven aquí como aos galegos que viven alá? Namentres agardamos polo próximo correo do Main preparémonos para todo. O mundo que coñecemos posiblemente xa non será o mesmo a partir do 1 de novembro.