header-photo

Enterrádeme O Meu Corazón en Crookes Road. Eu vin a vitoria do cervo, by Isaac Xubín



Aparece o porco bravo por entre os matos, os que están ao carón do tronco que acolle un niño de azor. Ti xa sabías que estaba alí, sabías que aparecería por entre esas pequenas ponlas esgrevias, como se formase parte do seu caracter. Observas o animal e durante uns intres a túa alma coñece, instálase nese lado da empatía, imaxinas que foxe, que ergue os fociños e que marcha pola esquerda, ocultándose detrás dun carballo, como se fose o protagonista dunha desas obras iniciais de Harold Pinter. Probablemente foi por iso que, mentres contemplabas a silueta do porco bravo a fozar no humus, apareceu no teu recordo unha imaxe moi concreta: o teu bisavó baixando do HMS Leviathan, a piques de invadir Menorca.

Escoitaches a historia centos de veces nos labios da túa nai e o teu irmán pequeno, enfermo naquela cama do hospital, pedíalle que a repetise unha e outra vez, coma se fose un deses contos populares que a ti nunca che produciron interese ningún pero que a el tanto lle gustaban. Pero non é o relato da invasión, dos 300 homes ás ordes do home que daquela era tan só o coronel Paget, non é o relato da lenda familiar que segundo as crónicas militares foi verídica e que o fixo ao teu parente merecente da condecoración que debe estar metida nalgunha das caixas noutrora brancas que tes almacendas no sobrado da casa e que resumen a vida física da túa nai.

Tampouco é o nome desa illa no Mediterráneo, Minorca, o que fai callar o odio no teu interior, a lembranza da túa propia derrota, a lembranza do feito que resume a túa dor. A casualidade fixo que acabaras alí e que tiveses que ser ti o que descubrise polos teus propios medios a traizón. O ideal tería sido coñecelo por unha boa confidencia, coa compaña doutro fiel camarada e unha botella de islay. Chegaches alí, a Menorca, despreocupado malia ter escoitado unha primeira advertencia: ‘Se dás ese paso eu estarei contigo, pero lembra que a hostia virá de quen menos o esperas, alguén que será moi próximo, sempre acontece así’.

O porco bravo move só unha pata dianteira e permite observar a punta do seu fociño que segue a fozar na terra. Emite un son, o aire tremeu na súa gorxa e páraste uns segundos a admirar a fermosura salvaxe do animal, o equilibrio que atopan os teus ollos ao contemplar a súa figura, a longura do lombro, a proporción da cabeza con repecto ao corpo e a querencia que tes polos hábitos que caracterizan a súa vida, os seus costumes. É todo isto o que volve traer ao teu interior, inconsciente, unha forza por identificarte con el, pensar que ten saída. Pero es maior abondo para ceder agora.

Non foi difícil atopalos en Ciutadella, é un pecado común en calquera amante, sexa cal sexa a súa nacionalidade ou condición: pensar que nada importa. Ela estaba sentada nunha terraza ao carón da catedral e chegaches a dubidar se non sería mellor, máis digno, sorprendela sen o barquillo na man, cando estivesen os dous xuntos, fose quen fose quen a acompañaba na viaxe. Ela viute chegar dende a porta da catedral e ao saír sentiches a calor da tarde coma un golpe que presaxiaba a decepción da nada. Ela fixo forza por non sentirse abraiada de verte alí, non foi difícil, aínda estabas un pouco lonxe para interpretar o movemento das súas pupilas. Sentaches ao carón e agardaches a que acabase o xeado. Entón non foi necesario abrir a boca, ela miroute en fite e acusoute en primeiro lugar. De inoperancia. Despois confesou directamente que era teu irmán quen estaba alí, con ela, e que moi probablemente te observaba dende o cuarto do hotel, na esquina, sen atreverse a saír. Non dixeches nada, non volviches dicir practicamente nada dende aquel día ou, cando menos, fixeches por non ter que dar nunca máis explicacións. Apuntar e disparar a todo cristo.

O vento cambia de súpeto, xa o avisaba o ceo, o porco bravo ergue de súpeto a cabeza na túa dirección pero non importa se viu a túa silueta ou non, sabe que estás aí e ten medo, malia que o puidese parecer, non ten escapatoria. Polo xeral, a xente do común non contempla a pericia das persoas coma ti. Entón pechas o ollo esquerdo e non o pensas, disparas.