header-photo

An Bailéad an Torc. The Fields of Anfield Road by Isaac Xubín

A Carlos Seco e a aqueles tres nenos.
E tamén a Frankie,
onde sexa que esteas: Come on the 'Pool!




Aconteceu varios anos atrás. A tarde anterior aos feitos chave deste relato, o meu compañeiro de despacho e mais eu acudimos ao Welcome Inn para ver o Irlanda-Francia do Seis Nacións. O Welcome Inn é a taberna pequecha e vella no cruce entre Oliver Plunkett e Parnell Place onde se xuntan, sobre todo nas fins de semana, moito vellote working-class, seareiros do Liverpool e bastante xente do rural que se achega á cidade rebelde de Cork para beber pintas e copazos até non poder, literalmente, cos seus corpos. Carlos e mais eu facíamos iso moito, beber stout, nunca Guinnes, no Welcome Inn e sobre todo el era un habitual do local. Abofé, agora que el volveu a Galicia teñen unha foto súa alí, na parede fronte á barra.

O caso é que aquel día, como sempre que se retransmitía un evento deportivo, a pequena taberna estaba petada. Irlanda recibía unha boa malleira e malia que a diferenza no marcador non era excesivamente grande, a derrota final era máis que evidente. Menos mal que estabamos ao carón da barra e podiamos subministrarnos de Beamish sen problemas. Todos mirabamos para o televisor, en pé, como se estivésemos no mesmo Stade de France, aburridos e en silencio. Sei que só bebín dúas pintas por cada 40 minutos de partido, tomábao con calma porque despois do partido faría acto de presenza o magnífico Roy Buckley para amenizar a noite coa súa guitarra. A noite sería longa.

O asunto é que efectivamente Irlanda camiñaba con paso firme cara a derrota e aquilo era un decepción, toda a provincia de Munster estaba orgullosa de liderar a idade de ouro do rugbi irlandés e aí estaban os quince homes de verde a perder o partido penosamente, contra os trampulleiros froggies, os comedores de ras. Frankie, un dos máis vellos searerios do Welcome Inn, estaba ao noso carón. De súpeto, a dez minutos para o final, pousa a pinta de Murphy’s na barra, ao carón do vaso de whiskey, mantendo a orde, e berra incomprensible, quijotesco e desesperado Come on the ‘Pool!!!

O que veu despois non importa un carallo, podería falarvos das cancións que cantou o bo de Roy Buckley pero tampouco procede para a historia, vai ti saber, igual investigo de máis e resulta que o mangallón éche do Man United. O caso é que ao día seguinte eu tiña unha resaca considerable e o mellor que se me ocorreu para aliviala foi baixar ao centro e meterme un almorzo irlandés no lugar máis cutre que puidese atopar. A graxa fixo bo efecto no meu sistema dixestivo ou, cando menos, admito que quizais estaba toda acumulada no meu cerebro e iso era o que me facía pensar que non estaba tan mal, e iso era abondo, máis que suficiente.

O que decidín despois si pode parecer unha sorte de suicidio definitivo. Diante da miña primeira casa en Cork hai un parque, Tory Top Park. No medio estaba o campo de fútbol do equipo do barrio, coa herba sempre ben coidada, sen mácula. Ver aquel céspede facíame desexar ser xogador de fútbol, só por ter o pracer de pisar aquelas pequenas febras verdes que saían do chan irlandés, disputar algunha vez, cando menos, a Anglogalician Cup. Nas fins de semana o parque enteiro estaba cheo de nenos a xogar e a bourar cos seus xoguetes, bicicletas e a escapar das nais. Decidín xuntarme a eles porque a miña casa era fría coma o inferno. Así que afinei a gaita na casa e me dirixín a Tory Top Park.

Pousei o cu contra o pequeno valado que delimita a zona do campo de fútbol e empecei a inflar o fol da miña gaita, o aire empezou a circular con relativa harmonía polo roncón e polo punteiro. A primeira vez que toquei en Bilbao axiña acudiu xente para deixar moedas no interior do estoxo aberto da gaita. Daquela non sabía até que punto ía ter que repetir aquel proceso para subsistir naquela cidade vermella. Pero aquel día de resaca eu non quería que ninguén se achegase a darme diñeiro ningún, así que pechei o estoxo para facer máis evidente que estaba a tocar por puro pracer. Isto non evitou que a xente se aproximase para mirarme durante uns segundos antes de seguir co seu paseo. E cando xa ía aló a marcha do Reino, Freixido, Padrenda, Aires de Pontevedra e mentres estaba a tocar a marcha de Corpus de Pontevedra, achegáronse tres rapaces.





O maior deles, co balón apertado contra o corpo co brazo dereito, non pasaba dos doce anos. Era evidente que eran seareiros do equipo vermello de Liverpool, esa cidade onde seguro que aínda queda algún recuncho onde se pode ulir o bravú dos Porcos Bravos. Os tres levaban cadansúa camiseta do Liverpool, noviña do trinque, a da temporada en curso. Ía un frío de carallo pero aí estaban eles pletóricos de enerxía, camiseta e pantalón curto. Permaneceron uns segundos a tres metros diante de min, escoitando abraiados, até que o maior deixou o balón no chan, meteu a man no peto e achegouse. O estoxo da gaita permanecía pechado aos meus pés. El amosoume con dous dedos unha moeda de cincuenta céntimos e cunha habelencia incrible conseguiu que ficase en equilibrio sobre o único sitio onde realmente podía pousar a moeda: sobre a cremalleira pechada do estoxo. Levantou a mirada e sorriume, colleu da man ao máis pequeno e marcharon cando eu estaba a tocar a muiñeira de Ramelle, a favorita do meu irmán. E de súpeto, sóubeno, berrei: Come on the ‘Pool!