Os pementos asados e a pasta fresca. Pagará a pena ir tomar o caldo até Hoboken? Alí o berce de Francis Albert, e o cubano que me indica o Craig Patterson desde Inglaterra. Fálame tamén de Newark -Nuarca para os da tribo de nós que aló chegaron, estudados pola amiga Nancy Pérez Rei- onde no bar Galicia Spain (sic) é posíbel falar cos parroquianos do Celta – Valladolid desta semana. Quedará para a próxima, acordamos, e decidimos mollar os ollos nas augas de Brooklyn, no peirao debaixo da ponte. Gústame esta cidade, mais gosto máis de Londres, Pontevedra ou Ribadeo. Aínda que sexa absurdo e estúpido escoller, como explica o Enric González nos seus libros de memoria persoal sobre as cidades habitadas. Decídome polo Radical walking tours of New York City e polo bate dos Mets, que vén sendo o Atlético de Madrid. Eu, en calquer caso, sería de Boston.
A Anglogalician Cup da banda americana podería xogarse nas dúas ribeiras do Hudson, entre galegos e ingleses de descendencia. Escribo isto e penso no main porco e en como perceberá desta volta o convite. Os ingleses, primeiro, terán que vir aquí: costa dos albiois, porto das barbas do Altruán, Rinle das baleas. Nós seguimos na Atalaia, desde o olor de séculos dos Old Customs, na primeiro riff de guitarra do primeiro concerto dos Clash, no tupé incontestable de Richard Hawley, na cervexa negra do Kursal, nas bandeiras célticas do Recuncho, na segunda edición do Merlín e familia, no 11S de Allende bombardeado polos gringos, na Palestina negada por Obama, na voz de Sinatra e na Habaneira de Ribadeo, na herba recén segada e no campo cheirando a regates e centros desde a banda, agardando, agardando, agardando.
Nota: a fotografía é do Altruán, vello e coñecido mariñeiro ribadense, na primeira década do pasado século XX.