header-photo

Tonight the streets are ours



Tonight the streets are ours, esas luces nos nosos ollos non menten. Tres rapaces baixan pola rúa dos Aires, cara o porto, cantando. Acompañan aos nenos que corren desde hai séculos, pasan a Escola de Náutica e chegan á Aduana Vella. Alí recébeos o cheiro dos baleeiros, o comercio do kummel e do liño, un alemán que ergue o sombreiro ao seu paso, despois de chiscarlle o ollo ao espía da pérfida Albión. As xentes míranse nas caras embravecidas da tarde, á beira do mar. Alí, en Guimarán, en fronte da veciña pobra de Reboredo, atronan naos de lingua estraña mais coñecida. Levamos douscentos anos sangrando a vida e sorrindo, en amor de xerfa, de saqueos e namoros, en lealdade de traizóns e ataques partillados, neste Atlántico que nos fai e que nos une, universais, desde a Pena Furada e A Rochela rinlega ás costas de Portsmouth, Riga ou La Rochelle.

Os canóns de ferro e bronce traídos de Sevilla ficaron no fondo da ría, os habitantes da Ribanova imos cansos da penosa carga. Un dos banqueiros de Casas camiña cara o Casino, á tertulia dos buques e dos masóns, na Praza da Constitución, do Pobo, da República, de José Antonio, de Abaixo finalmente. Os dezaoito buques da Banca de Casas deixan os cartos no Teatro, no Círculo de Recreo, nos xornais de tendencias varias, no primeiro de maio que enche de vermello as rúas e o campo de San Francisco. Un bergantín cruza a mañá e chega do Báltico con matrícula ribadense, de Bengoechea. No peirao, uns ingleses xogan a un tal football contra os locais. Dous de Rinlo e da Devesa, cinco vilegos de Cabanela e da Vilavella, dous mariñeiros de Porcillán, algún da beira asturiana; os estranxeiros, todos da Britania, baixan dos cargueiros cantando tonadas descoñecidas. Traen con eles pelota de trapos e vexiga de porco, comentan do Sheffield e do Hallam, bótanse a xogar ao Cargadeiro. Comeza unha nova historia.

Os rapaces, irados e inocentes, perfumados de fulgor, guitarreando a mocidade, suben de volta a costa, por Antonio Ibáñez e El Viejo Pancho. Lembran o poema de Luz Pozo e non esquecen a patria, matria costeira e violada, mar dos celtas e ollos do norte do alén. Un viste casaca vermella, outro verde e branca, outro celeste. Entran no Recuncho e piden as cervexas de sempre, falan do futuro común ébrios de pasado, orgullosos, coa mirada afiada das navallas do mencer. Esas luces nos nosos ollos non menten, tonight the streets are ours. Ao día seguinte, na terra pisada hai catro séculos por galegos e ingleses, onde lindan Galiza e Inglaterra, mar por medio, xogan os Stags e os Porcos Bravos. Levantade a man para tocar o ceo, compañeiros. This is Ribadeo. E isto é un convite, mais tamén un desafío.


PD: a foto, fermosa, é do ribadense Toni Deaño
.