header-photo

Birra´s Klav: unha homenaxe


A principios e mediados dos noventa o Morrazo era un fervedoiro de torneos de verán: fútbol sala, fútbol sete, mundialitos e campeonatos vintecatro horas salpicaban a xeografía dos meses de xullo e agosto prometendo emocións intensas, patadas como bolas de demolición, xente cocida reclamándolle a árbitros que só exisitían na súa cabeza e baños de madrugada -baixa a tópica lúa do verán- posuídos pola euforia de gañarlle a equipos de xente con equipación esponsorizada, botas de reglamento e gusto polo -todavía non se lle chamaba así- tiqui-taca.

Na praia de Area Bon, un grupo de audaces (e ociosos) veraneantes levantou un equipo totalmente impresentable, absolutamente delirante e absurdamente cheo de orgullo. O nome, birra´s klav, deixaba pouco lugar á dúbida: a excusa era o fútbol, si, pero o fútbol non o era todo. Pasados case vinte anos de aquilo, é hora de que salgan á luz as súas fazañas, é a hora de facer arqueoloxía das emocións e unha microhistoria daqueles instantes -agora o sabemos- xa irrepetibles.

Sendo como fun apenas testemuña tanxencial nalgúns partidos, sinto que podo falar daquel equipo -canteira probable da que se alimentarían os futuros porcos bravos?- coa nostalxia xusta e as dosis de lucidez necesarias.

O primeiro recordo que teño é coche de Santi. Un Peugeot 505 (SRD, creo) no cal cabían entre un e vintecinco ocupantes según a noite, e onde se trazaban as tácticas, se preparaban as estratexias e intentábase baixar a borracheira da mellor maneira posible (nota: eu era o que non bebía, o protofriki do grupo na era anterior ao frikismo). O coche de Santi era a sede social do clube e exercía unha sorte de influencia positiva en todos os integrantes, tanto os permanentes como os circunstanciais. Lembro que o exceso viaxaba sempre de pasaxeiro naquel transporte colectivo: xente a esgalla, km/h de máis, cervexa no maleteiro (ehm, desto non estou moi seguro), e a música sempre a punto de reventar os altofalantes.

A música. A música do 505. Estaría ben facerse cun recopilatorio do que soaba naqueles traxectos cara aos campo de fútbol de Hío, cara a Bueu, ou incluso, cara a Cangas. Habitualmente, se non lembro demasiado mal, "the trooper", "you can´t bring me down" e "welcome to the jungle" eran fixas, alomenos, cando eu subía era o que soaba alí adentro. Estaba ben. As ventás baixadas e o aire do verán e a xente a berrar e o son do motor confundido cos baixos das cancións. Así chegaba o equipo ao campo, e así se gañaban partidos, botando man da épica máis que da estética, para sorpresa de rivais e público.


O meu segundo recordo, especialmente intenso, vai nas camisetas, en especial as do primero ano: birra´s klav escrito a man nelas como se alguén mexara o nome por riba e despois rubricara con algún outro tipo de materia orgánica. Ademáis, tantos buratos que o equipo máis semellaba un grupo de boys preparando unha despedida de solteira que un competitivo rival futbolístico. Entrar ao campo con aquela equipaxe e observar as caras do resto do mundo era un bó espectáculo. Si, imaxinaba aos contrarios ao voltar a casa, mosqueados e incrédulos, "un equipo que se chama birra´s klav, coas camisetas rotas, con cara de levar de festa varios días, e con pinta de non saber siquera de onde estaban, gañounos cinco cero!"...

[Continuará (se a alguén lle interesa o tema, claro, que isto está facéndose longo de máis)]