A verdade de todo é que fai falla xente de tódalas relixións, porque non se poderá evitar nunca que haxa quen bote a mañá para escribir un correo electrónico, como non han de mancar os que chegan tarde sempre e os que tratan ás vacas coma ás mulleres. Hai que ter algo que poucos teñen para dedicarlle un anaco de vida, por exemplo, a aclarar o fondo xurídico da pluralidade obxectiva do delito producida polo mesmo suxeito -a pluralidade, si, non o delito-, pois require paixón, aínda que o propio suxeito -o xurista agora, non o delincuente-, poida dubidar que esa sexa a expresión axeitada para definir a súa motivación. E, con todo, o deber tamén esixe paixón.
“Estoulle arrastrando polo rabo á burra e a besta zorrégame patadas”. Por aí deume por pensar naquel contable afrancesado, afamado por opositor resolto que disque rexeitou galóns de Estado por unha praza no Ourense natal, e logo sacou tódalas oposicións que quixo e ía para xefe do gabinete que lle dera a gana. Alexandre Bóveda xogou na mocidade en tres clubs de fútbol, o Remedios, o Royal e o Galicia, leu e escribiu abondo, cantou sempre e, de pasada, deixouse a pel para que os cartos galegos ficaran na casa e o país fose adiante. Por cousas así que un quixera que non tivese dado a cara. Non aprecio a utilidade dos mártires, parécenme froito dun orgullo pírrico, e deixan orfandade detrás. Pero non penso que morran sempre os mellores ou os máis ousados: morres ás veces cando te enches de Causa e perdes a perspectiva. Entón cólganche dunha árbore.
“Fran, que?”. Téñennos escachados, que vos vou dicir. Tanto fume de carozo levamos papado que custa crer ate na Gemeinschaft. Eu vouno dicir unha vez máis, e prometo non calar, porque perdín o norte e escorrego de seguido arredor dun centro de gravidade que non chega: queremos pasta, Main, queremos que o chorromoco dea beneficios dunha puta vez. Tanta competición internacional, viaxes, cervexas e mozas, brunas e blondas, pero endexamais un mísero patrocinio. Tantos anos aturando o cheiro a curry, tanto mártir pola Causa, e aínda ningunha efixie granítica das que fan lembrar o pasado aos vellos. E non has de ter motíns… Xa o dicía o Ibn Jaldún: se lle tiras a un rapaz da orella para facelo ir dun lado a outro, logo terá orellas grandes e será un home traizoeiro. Tense dito moitas veces sen pensalo seriamente, pero non é unha leria. Onte había lombo que romper polo bico da raíña, hoxe todos queremos un peto de bitcoins.
“Julian Grendel, hombres como tú no crecen en los árboles”. Escoitar aos outros, que non obrar en consecuencia, é de sabios; ser presidente de España, ou de Galizalbión, é cousa de grandes homes. Non o estou a dicir con ironía, España é tal merda de proxecto mil veces frustrado que hai que ter collóns e tragadeiras para levalo todo na cabeza por oitenta mil pavos ao ano. Non vai ser vaidade… Sentido do deber? Proxección do medo ao pai? Gloria…? Aínda existe quen pensa na posteridade? A nova posteridade? Hai aínda quen se ve a lombos dun cabalo branco guiando ao pobo cara un fin común? Todo apunta ao interese particular, á mesquindade, pero vese que, ás veces, azar, vocación e circunstancia converxen, ou están polo menos a ben, e porén que hai xente equilibrada e bos escritores que non che din o que tes que pensar.
Francisco Leloup (non o sei), podería ter sido fillo dun comerciante francés, ou belga, ou suízo, ao dicir dalgúns, que se encaprichou dunha de Bergondo, preto da Coruña, e ficou na terra. Pero non saben (non quererán saber) de onde ven o apelido gabacho. Eu penso, por amolar un pouco máis, que o Leloup ese, o pai, chegou non fuxindo das levas napoleónicas, senón de débedas, pode que tamén dun pasado escravista, seguramente de débedas con escravistas ou, peor, con marselleses, e todo iso comezaba a se mirar mal, o de ser pobre e estranxeiro, digo, de xeito que a aquel auvernés ou valón ou neto dun afamado teólogo de Zürich, que se chamaba (non o sei) Jean Baptiste ou Phillippe Armand ou François Marie, foille mal e rematou por abandonar á coruñesa en estado e botarse outra vez á mar á procura dunha nova vida. Veu o fillo, Francisco, que do pai herdou non sabemos se o nome, a pobreza toda, pero da estranxeiría só ficou coa metade, polo que foi quen, a golpe de suor, de facerse cunha respectabilidade e casar cunha de Arteixo, onde viviron nunha leira que hoxe produce seis mil pares de calcetíns ao día. Trouxeron ao mundo unha filla, Rosa, que herdou pola súa banda título de modista, ou de actriz, ou de prostituta, que viña ser o mesmo, pero ao fin non foi nada diso. Houbo de se salvar do destino que lle marcaba o nome, Rosa Leloup, gracias á intervención dun membro da Benemérita (n. 1844), home viúvo e temperado que casou con ela en segundas nupcias e levouna para Forcarei, onde deron comezo á parte da historia coñecida por todos, coa que tornamos a Pontevedra.
Hai unha parede húmida e escura en Tractorville, á que só se achegan os gatos e os politoxicómanos, na que hai un grafito en letra miúda, rabuñado na cal coa chave dun Mercedes: "Haré todo lo que pueda y un poco más de lo que pueda, si es que eso es posible; y haré todo lo posible e incluso lo imposible si también lo imposible es posible". Grandes homes e a retórica do enmascaramento, máis vigorosa que nunca. Imaxinei a Enrique Rajoy, que figurou unha vez nos rexistros como Lelú, a falar con Bóveda nun recuncho da Navarra (n. 1925), con sendas cuncas de viño, aproveitando un intre no que o meu bisavó se enredaba na barra, dicíndolle quedo: “Alexandre, non lles tires do rabo, non te expoñas tanto. Alfonso é home de recursos e non ten cinco fillos como tes ti. E polo demais, ¿para que estamos a fabricar o Enorme Aparato Mediático, meu?”.