The Anglogalician en verso |
A
presenza da traizón
Hai quen saíu da casa na procura dunha canción sen
importarlle moito a posibilidade ou non do regreso, sen comprender moi ben os
efectos que se presentarán no futuro, de golpe, coa contundencia do peso dunha
lousa. Quizais para poder labrar aí mesmo o seu nome, desfalecido pero
tranquilo a piques de dar o último alento ao carón dunhas brañas acabadas de
coñecer. Seguro que é por isto que ultimamente sinto unha atracción desmesurada
por ciceis, punteiros e mazos. Xa que logo, non é que perdese a memoria do
camiño, trátase de fe e de construír unha narrativa histórica para min mesmo,
explicalo todo en base á procura dunha eternidade no oeste e non no leste, na
verticalidade e non na horizontalidade, no balbordo da Anglogalician e non no frémito dos nugalláns.
Non hai moito que explicar, xa reneguei algunha vez de
todo, estou sen remedio ao outro lado do muro. Trátase do feito de reparar
dunha vez por todas no feito de que aínda non é tarde para pedirme explicacións
a min mesmo e moito menos a calquera outro co que me teña cruzado no camiño. E
isto, malia que semelle contraditorio, é polo que eu só miro cara adiante,
agora só se trata de trazar unha liña divisoria que non deixe lugar a dúbidas e
que o xuízo sexa o máis xusto posible, discriminar entre o chumbo e a palla. Porque
o neno que fun un día, tantas veces infeliz por mor de teimar no erro que é
confundir o amor por si mesmo coas ganas de ser amado, ten moitísimas ganas de
saldar as contas sinaladas no seu memorial de agravios.
A fe e o
odio, a vinganza, o fraterno amor incondicional, e outras ideas politicamente
incorrectas como a consciencia de que a meirande parte da xente non é quen de
facer algo ben na súa vida, son combustibles que me fan continuar avanzando,
traducindo, continuar con esta procura contraditoria de desexar ser un espectro
e manter a calidade correcta no uso do subxuntivo. Hai ocasións en que pecho os
ollos e case sempre imaxino que son o protagonista dunha canción, mariñeiro,
músico, viúva ou soldado. Ás veces acontece que é verdade e outras veces
resulta que podo atravesar o muro e escribo.
Xenealoxía dun intruso, Isaac Xubín
Editorial Galaxia
FACHADAS DE PEDRA
CISNES
ESTUDANTES abandonando as súas casas,
cruzando pontes ignorando o fuxidío que é
o alento a café das súas bocas
cada mañá sobre os pupitres,
o efémero da textura dos seus incendios e tamén dicir
que o whiskey semella leite porque a herba,
de xeito ideal ás veces,
responde á mecánica de fluídos,
coma as dunas e o deserto,
o gran concepto transversal.
Aprender a vestir as sombras é unha tarefa
imprescindible para quen queira
manterse san neste bosque de fachadas de pedra
que o tempo, a humedén e a flora balorenta
non dan esfarelado dunha vez por todas,
saber que a reacción se agocha entre as nosas filas
facendo paisaxe coa incrustación
de excesos gráficos sobre a superficie dos golpes de voz:
mátanse a verdadeira fame e o exceso de conflito.
Penso na forza de traballo a disiparse
sen proveito nos nosos risos ao acabarmos,
é un erro común pensar
que ao volver todo seguirá do mesmo xeito,
nada acontece así na natureza:
bícame malia que non teñas motivos,
dixeches que as razóns son reaccionarias.
Tamén,
quizais,
pensarse cisne que
volve.
A PRESENZA DA TRAIZÓN
O BALEIRO
LEMBRAREI unha cidade do cinto vermello de Inglaterra
e aparecerá un lixeiro recendo a sindicato poderoso,
malia que se sinta a presenza da traizón,
o río que soborda o seu curso asolagando as fábricas,
o manancial que se rebela empurrando
os refugallos da mina que caen ladeira abaixo.
Ás veces teño frío e boto de menos un coitelo,
esta teima en conservar a capacidade de ver o gume
como epicentro de conversas e bailes,
quen se exercita sabe que éxtase e corpo son
nocións irrenunciables,
calquera cousa que naza da ledicia,
a porfía dos luceiros,
contrabandista.
Róuballe as letras ao invasor,
impídelle que escriba a historia,
rebélate contra o bouciño ao que hai que mastigarlle
as papas para evitar que se atragoen
as súas diminutas pelotiñas de impostor.
Pois claro que o baleiro existe
acubillado aquí entre nós,
hemisferios impulsados a comprobar
que a forza fría non nos pode en Magdeburgo
cando estamos xuntos,
amalloados no espazo que define a aberración
do nada.
Xúrocho,
estas lembranzas nosas
nunca serán
cadáver.
O BAILE ENRIBA DA CAIXA
XÚPITER
A CONDUCIÓN chegou co tacto e a ansia
de que a máquina recoñecese
a situación concreta do que fatiga significa,
busqueiche coa lingua o azucre
que sei que levas entre as dedas,
ocupei o espazo da incerteza e souben
que nada tes que ver coa alba.
Esnaquizar as naves de Tárxix,
desaparecer para despois aparecer,
obedecer para despois saber negarme,
crer que os libros que escribo
non son outra cousa que recipientes ocos, caixas:
difícil distinguir entre as que gardan a lei e aquelas
en que repousarán os corpos,
difícil manter o equilibrio do baile sobre calquera
delas.
Agora sei que a idade é unha narración como o é
comer coas mans o peixe,
a carne entre as espiñas e pensar ao mesmo tempo
no xeito de remexerse
contra o imperio da lei estranxeira.
Non te engane o cheiro a suor da miña presenza,
non se che ocorra compararme endexamais
con aquel que chegou até aquí
sen cruzar a pé o
deserto.