header-photo

Porter, Labirintos e Corvos by Isaac Xubín




- Quen nos ía dicir que botaríamos de menos o labirinto aquel!
- …
- Polo menos antes aparecían de cando en vez na televisión nun cemiterio e con cara triste… agora só vexo tristes aos meus… Semella que a liña da resistencia baixou un estrato e somos nós agora os que temos que tirar de poema para defendelo todo. E non creas que está a situación para botar foguetes,…
- ...
- Eu estou convencida de que todo iso que comentades do nivel da nosa poesía… é o canto do cisne, hostia!… Pero ninguén se quere decatar. É máis doado mirar para outro lado e ir predicar ao deserto.
- …
- Se un festival estranxeiro convida á túa organización a dar unha conferencia para que expliques a situación do teu eido de especialización na túa sociedade e mandas a alguén que non fala a lingua do país e, polo tanto, acabas falando para a pouca xente que hai alí que te entende e que polo tanto xa coñece cal é a situación… non é iso predicar no deserto?
- …
- Si, totalmente,... non é difícil claudicar. E menos se pensas que París é América. Pasamos de ter unha literatura universal a unha literatura por deus e pola patria… non se pode caer máis baixo... pero aí os tes, aplaudindo coas orellas,
- …
- Abofé que son culpables!
- …
- A entrevista!… O xornalista díxome que se aburriu coa miña novela.
-…
- Como cho conto! Coas mesmas palabras!… Penso que nin sequera chegou a rematala.
- …
- Foi onte á tarde. Dixo que a entrevista tiña que facela xa, inmediatamente, porque hoxe á mañá marchaba de vacacións. Que fillo de puta! Que carallo me importan a min as razón polas que ten que facerme a entrevista ás sete da tarde e ás présas? Coa cantidade de xornalistas serios no paro e este tipo que non me coñece de nada…
-…
- Si, a ver se temos sorte e vai á merda e queda por alí.
-…
- Non, abofé que non a teremos, os parvos sempre volven, e con máis forza.
-…
- Non, non llo teño en conta, non vaias pensar. A culpa é de quen o puxo aí. Agora estou encirrada porque aconteceu onte, aínda estou quente e admito que teño a pel finiña, aféctame todo moi axiña, xa me coñeces.
- …
- E das poucas preguntas que me fixo puxo como titular algo que dixen ao final sobre a miña vida cotiá, unha carallada que nada ten que ver coa novela.
-….
- Eu creo que foi unha entrevista encargada…
-…
- Quero dicir que alguén da dirección do xornal, por chamarlle dalgún xeito a iso…
-…
- Si, si,… alguén lle sinalou que debía facerme a min a entrevista e el prefería facerlla a alguén de quen puidese tirar algún rédito… notábase moitísimo que non lle prestaba nada ter que falar comigo.
-…
- Non, non é por iso, non te alporices porque non funciona así.
-…
- Non é persoal, para nada, podes estar seguro de que non é algo contra min e moito menos unha especie de complot…
-…
- Escoita. Faime caso, isto funciona así. O asunto é que neste negocio hai un pastel. Ese pastel ten unhas medidas concretas e non dá para todos. Non é que non queiran que eu colla parte do pastel, é que se eu collo algo do pastel, entón non dá para ninguén…
-…
- Ti cres que isto me afecta máis aló do cabreo que teño agora? Mañá non o lembro deste xeito,…
-…
- E dálle, xa tardabas en dicirme algo…
-…
- É a segunda pinta, si, a segunda.
-…
- Vale… debe ser a cuarta, tes razón, é a cuarta.
-…
- Xa sabes que non, non comín nada… comer é facer trampa! Ti tes fame?
-…
- Pero por que non me deixarás beber tranquila?
-…
- Sabes por que os partidos de fútbol duran tanto?
-…
- Noventa minutos! Noventa minutazos!… teñen que dar tempo a que a pase algo, joder!
-…
- Non te ofendas, ho! Que sodes uns católicos con pantalón curto…
-…
- Si, novos católicos, si, saídes da resignación do púlpito para caer na resignación dos estadios. O fútbol é fútbol, o fútbol é como a vida… virxe santísima, canta trola! No evanxeo, se a buscas, aínda hai certa mensaxe liberadora, pero no fútbol, machiño…
-…
- Pois cambia de tema se non che gusta que fale das túas crenzas!
-…
- Se me convidas a outra pinta dígoche onde estiven onte á noite.
-…
- Si, despois de que me chamase o petardo do xornal.
-…
- Non! Agarda! Creo que vou cambiar… Píllame unha botella de Anchor Porter,… se lles queda algunha, claro.
-…
- Fun ao acto do colexio de arquitectos, vaia,… o que patrocina o colexio de arquitectos.
-…
- Pois cando cheguei alí xa estaban os dous arquitecto-revelación sentados, pero pensaba que habería máis xente, pensei que terían máis audiencia. Había sitio atrás, bastante, pero sentei na primeira ringleira para que me visen ben a cariña feitiña que teño.
-…
- Efectivamente, así tal cal era a linguaxe corporal daqueles elementos. Se che digo a verdade dígoche que eu non quería ir, convenceume miña nai…
-…
- Ben. Como sempre, a verdade é que está moi ben… Xubílase nun par de anos… así que aínda quedan dúas promocións de estudantes de filoloxía inglesa que terán que escoitar as súas teimas sobre Ted Hughes…
-…
- Xa che digo! … Os dous arquitectos? Os que vin eu onte? Eses dous non é que non lesen a Hughes, eses creo que nin sequera chegaron a estar nun cuarto onde houbese un exemplar del pousado nun andel… Pero ti sabes como ía vestido un deles o outro día?
-…
- A ti paréceche normal levar unha camiseta dos Sex Pistols por debaixo dunha camisiña e botar pola boca todas aquelas parvadas que dixo con aquel puto acento da capital? Pódese ser máis pijo? O outro aínda mantivo a compostura, marchou á capital porque realmente o necesitaba, alí os pasteis son máis grandes… tamén os dos arquitectos… agora volve como se fose un misioneiro…
-…
- Mentres se limite a falarnos e non nos dea polo cu… pero vaia, a colonización é o que ten, fódente e danche unha biblia… iso non cho quita ninguén.
-…
-Pois el tentaba seguir o fío da conversa con dignidade, aguantaba a compostura e o nivel do seu discurso porque o pijo co que tiña que falar non lle facilitaba a prédica, non lle daba bos pés para demostrar que xa non é un arquitecto de provincias… creo que nalgún momento sentía que estaba a quedar en evidencia… nalgún momento estaba como Johnny Rotten dentro da camisa do pijo, desexando liberarse daquela prisión…
-…
-Vaites! Dás en óso tamén con este tema!
-….
- Todos dicides sempre a mesma merda! É incrible. Que é un bo arquitecto! Si, claro, con caralla grande ben se fode! Se o meu papaíño me puxese a traballar no estudio da familia con dezaseis aniños agora con corenta putos anos tamén faría unhas pontes que te cagas…
-…
- Mira, imos falar doutra cousa, si? Paréceche?
-…
- De verdade que cho agradezo, cheguei hai un par de días e parece que desta volta todo o mundo está confabulado para tocarme a cona a dúas mans.
-…
- Pero como podes dicir que é un dos poucos grupos de punk en que o baixo leva o temón?
-…
- Perdoa que cambie eu de tema agora, é que acabo de ter unha visión marabillosa. Estou a pensar que se aqueles parvos metidos a arquitectos revelación estivesen algunha vez nun lugar onde houbese un exemplar de Tales from Ovid o libro cobraría vida, transformaríase en corvo e comeríalles os ollos.
-…
- Si, outra porter, outra botella de fermosísima cervexa porter,… mesta e negra coma os labirintos e os corvos de Yorkshire… Lástima, carallo, lástima!