I. XENTE AO LONXE
En 1975 fundouse en Londres, UK, o FC Deportivo de Galicia de Londres. Nado da unión dos equipos "Centro Galego de Londres" -adscrito á sociedada do mesmo nome- e "Deportivo de Londres" -homenaxe dun grupo de coruñeses ao equipo dos seus amores-, ten na súa curta historia un traxecto cheo de éxitos deportivos que o fixeron merecedor dun “FA Charter Standard Club" por parte da Federación inglesa de fútbol.
O "Centro Galego de Londres" denominábase inicialmente "Centro Rosalía de Castro" e foi creado nunha reunión nun pub de Notting Hill en 1968 baixo os auspicios de Marcial Folgueiras (de aquí en adiante M.F.). Dende 2006, preside esta institución Nicolás Miño. Baixo a súa presidencia e, en colaboración coa Xunta de Galicia e os propios socios, o clube pasa a ter local social propio na cidade de Londres. Respecto a este acontecemento, pódese ler na súa web:
"La compra del nuevo local en 869 Harrow Road, London NW10 5NG trae al club una nueva vida haciendo posible aceptar mas gente que la última sede y creando un punto de encuentro para todo el mundo gracias al restaurante , el bar y la sala de juegos."
"Un punto de encuentro". That´s the point.
II. O MELLOR PEOR PARTIDO DO MUNDO
O 30 de xuño de 2002, un día antes da final do mundial 2002 na que Brasil gañou 2-0 a Alemania con dous goles de Ronaldo Luís Nazário de Lima, disputouse o encontro Bután-Montserrat -naquel momento seleccións 202º e 203º do mundo según a clasificación FIFA, e, polo tanto, penúltima e última seleccións no ránking da organización mafiosa que rexe os des(a)tinos do fútbol mundial.
O encontro foi auspiciado polo cineasta holandés Johan Kramer, o cal foi quen de gañar o festival de cine documental de Aviñón de 2003 coa historia do partido e as condicións nas que tivo lugar. O resultado final, 4-0 a favor de Bután con tres goles da súa estrela Wangay Dorji e disputado a 4000 metros de altura, non reflexa a peripecia dos xogadores de Montserrat, obrigados a unha viaxe de avión con sete escalas que engadían unha parada en Calcuta na cal todo o equipo pillou a disentería nin a festa conxunta das dúas selección durante os días previos ao encontro que fixo estragos no estado de forma de todos os xogadores que interviron no partido.
Bután foi protectorado británico até 1949. Montserrat aínda o é na actualidade.
Ás veces penso neste partido. Un grupo de caribeño-británicos collendo un avión para ir xogar a Bután contra outro grupo de tibetano-británicos, chegando enfermos ao estadio de xogo, índose de parranda os días previos, ambos habitantes de dous países minúsculos con historias de colonización-descolonización ás súas costas e non podo evitar que unha sensación coñecida me veña a cabeza: isto parécese a algo pero non remato de saber a que.
III. OS EXTREMISTAS
No libro clásico de Lucien de la Hodde sobre as sociedades segredas na Francia do periodo 1830-1848 atópase unha clasificación daqueles grupos sociais que alimentan os extremismos e conforman iso que se ten chamado "a masa". As categorías que establece o autor son as seguintes:
1. O estudantes
2. Os impotentes
3. Os bohemios
4. O pobo soberano
5. Os tontos útiles
6. Os eternos descontentos
7. Os refuxiados políticos
8. Os elementos criminais
A masa é un ser informe pero dotado do potencial de subverter a orde dominante. Na Francia de 1848 cada un destes oito grupos por si mesmo carecía da forza necesaria para darlle a volta a todo. Pero cando se combinaron entre eles quedaron no borde do cambio de réxime en dúas ocasións. Lucien de la Hodde non sabía aínda a lección que aprenderíamos máis adiante, co Maio do 68: o poder é un tigre de papel, un porco bravo sen colmillos, unha besta exhausta que so oculta o cerca que está de desfalecer a base de levar cousas por diante. O poder non é máis que a suma dos seus símbolos. Pero alguén ten que tirar deles e amosar ao rei espido, baixo eles.
IV. HORROR POLA VIDA COMÚN: UNHA NOTA SOBRE A BOHEMIA
A vida común é iso que te pasa mentras cres estar agardando pola "chamada", pola incorporación aos exércitos dos que están vivos e listos para conquerir o mundo. Moitas persoas viven esta espera como unha especie de stand by no cal vense na obriga de realizar accións que detestan de forma repetitiva (p.e. traballar, madrugar, facerse a comida, limpar a casa, etc etc) mentras o tempo pasa e o "acontecemento" non da chegado. Para conxurar esta angustia de vivir -xa coñecida polos nosos antepasados polo vello nome de tedium vitae, ou polos primeiros poetas da modernidade como spleen- o xénero humano ten inventado estratexias de diverso tipo entre as que podemos atopar tanto o deporte como a guerra. Nalgúns casos, a confusión entre estes dous termos ten dado lugar a híbridos inclasificables e lixeiramente monstruosos nos cales a pompa épica dos actos bélicos recubre coa estrutura da traxedia a banalidade do encontro deportivo.
Porén, fronte a vida común, moitas persoas cabais teñen elixido o camiño da bohemia. O mesmo Lucien de la Hodde, na clasificación anterior di dos bohemios que forman "unha clase imaxinativa que experimenta horror pola vida común". Eses primeiros bohemios que aparecen nos experimentos revolucionarios que salpican o século XIX francés teñen un gusto particular polas tabernas de fóra das cidades: nelas podían conspirar a gusto e a prezo económico dende que as taxas do ano 1830 facían prohibitivo o acceso a o viño nas cidades de máis de 4000 habitantes.
A condición da bohemia é descrita desta forma polo escritor Adolphe D'Ennery y Grangé:
"Entiendo por bohemios esa clase de individuos cuya existencia es un problema, su condición un mito, su fortuna un enigma, que no tienen residencia estable, ningún lugar reconocido adonde ir, que no se encuentran a gusto en ningún sitio, y que ¡uno se encuentra en todas partes!, que no tienen una única profesión, y que ejercen cincuenta oficios; individuos que en su mayoría se levantan por la mañana sin saber dónde cenarán por la noche; ricos hoy, hambrientos mañana; dispuestos a vivir honestamente si pueden, y de otro modo si no pueden." Adolphe D'Ennery y Grangé, "Les bohémiens de Paris" (L'Ambigu-Comique, 27 de septiembre de 1843).
V. DE BUITRES E LEOPARDOS: UNHA HISTORIA QUE É UNHA FÁBULA QUE SIRVE DE CODA A UN AUTO SACRAMENTAL
Tal e como conta Francisco Ferrer Leirín no número tres da revista "El Estado Mental", na India, o uso xeralizado do antiinflamatorio Diclofenaco nas vacas ten producido unha grave mortandade de buitres dende o ano 1990. Este medicamento -que permanece nas reses despois da súa morte- pasaba aos buitres que aproveitaban os seus restos mortais producíndolles graves insufiencias renais que desembocaban na súa propia morte. A consecuencia deste crac na cadea trófica foi un aumento considerable dos cans en circulación, que de rebote, deu lugar ao crecemento do número de exemplares doutra especie: os leopardos, superdepredadores especializados en cánidos. Darlle antiinflamatorios as vacas, polo tanto, deu lugar ao aumento inesperado da poboación de leopardos. Tomemos nota: ao mellor reducir os exemplares de delfíns pode dar lugar a un crecemento inesperado da poboación de, poñamos, gatos, tapires, alacráns, dogos ou mesmo outras especies inesperadas...
VI. UNHA FRIVOLIDADE INCONEXA
Nun episodio dos Simpsons Homer di: "Deus é o meu persoaxe de ficción favorito". O meu, sen ningunha dúbida, é o Usuario Único. Esperemos que non sexa vingativo. Nin colérico. Agardemos pola súa benevolencia e imploremos o seu perdón por adiantado. Alabada sexa a súa gloria eterna. Polos séculos dos séculos e polas piontas das piontas, roguémoslle polo ben da sagrada competición. Amén.