header-photo

Nos campos de Bon Leste

[ACTUALIZACIÓN: ESTA ENTRADA FOI EDITADA O 10/09/2013]


É agosto de 2013.
Creo que fan 40 anos da primeira vez que aterricei en Bon. Hai fotografías da época nas cales se aprecian ringleiras de leiras rodeando o areal. Unha franxa interminable de verde. Seguida dela, a praia, outra franxa de cor oso. E despois, outra interminable franxa de cor azul. A bandeira da infancia, unha tricolor desteñida, supoño. Imaxino unha conversa imaxinaria entre F.M. (pai) e o meu tío Gonzalo, na Pontevedra de 1967 (ou 1968), compañeiros de traballo daquela (creo), compartindo algún viño nalgunha tasca da capital:
- tes que vir a ver un sitio que coñecín o outro día
- onde?
- Bon, Beluso, Bueu
- ...

É agosto de 2013.
Creo que fai unha semana do último partido que xoguei no campo de fútbol dos piñeiros. Rodeado de teenagers preguiceiros e mariscos third age like me resoplando entre os terróns de toda a vida. Tropezando co balón, fallando goles clamorosos coa porta baleira, chocando contra rivais enfurecidos pola previsible derrota. O fútbol traza unha liña imaxinaria entre a infancia e o que sexa este momento que estou a vivir agora (a mediana idade, ou algo). Unha liña punteada e retorcida que da reviravoltas na memoria, que pretende ser a pegada do vivido. Os balóns caen na praia. A franxa de verde está perforada por ducias de construcións onde os restos da clase media disfrutan dalgunha semana de vacacións. A cor oso da praia está salpicada de toallas e sombrillas e flotadores e mesas e sillas. O azul está punteado polas boias que delimitan o espazo navegable para as barcas. A bandeira da infancia, coas cores desvaídas, ondea pese a todo. Os cuarentóns incombustibles seguen xogando a ser nenos con rapaces que poderían ser os seus fillos. Berrando e correndo, facendo unha especie de mestura entre a ouija e as viaxes temporais, tratando de recordar onde perderon algo que botan de menos, encarando un presente no cal hai sinais inequívocas de que as cousas non van ir mellor no futuro. Dende fora é un espectáculo extravagante. Dende dentro é unha máis das formas de certa felicidade intemporal.

É agosto de 2013.
En xullo houbo partido da manada en Bueu. Baixo un outro sol abafante voltouse a cumprir coa doxa: os porcos bravos non xogan amistosos. Invitado polo main porco caín no Farol na reunión post-partido. Algunha nota mental sobre o encontro: o porcobravismo en repouso é estraño. Tirando a silente. Case taciturno. Amarrado a pintas de cervexa interminables, enfrascado en conversas en baixiño, entrecruzando miradas de complicidade cuase-militar. Intercambiei saúdos con parte do equipo que barreu aos Stags do mapa da dignidade futbolística meses atrás. Presencie a solemne entrega do Laurence Bowles entre risas incrédulas. Sorprendentemente, o ambiente era máis familiar que outra cousa. A fratría por riba da guarnición militar.  A tribu arredor dun lume imaxinario, en paz, tan alonxada dos tumultos interneteriles. Despois participei nun churrasco catártico a uns 48º de temperatura. Unha reunión de vellos amigos celebrando o básico da condición humana. A amizade, tomar unhas copas xuntos, botar algunhas maldicións compartidas, o estado do tempo. En comidas coma esta, un pode albiscar o sentido de todo isto, sempre elusivo, sempre en fuga, pero deixando pegadas que dan claves que permiten comprender algo.

É agosto de 1980. Ou por aí.
Estou no campo dos piñeiros. Somos unha banda de boniatos efervescentes. Son ás once da mañá. Xogamos ao fútbol.  Resoplamos entre os terróns de toda a vida. Tropezamos co balón, fallamos goles clamorosos coa porta baleira, chocamos contra rivais enfurecidos pola previsible derrota. Bañámonos nese azul que ten vida propia. Sobre unha franxa de cor oso morremos ao sol durante media hora. Son as catro da tarde. Xogamos ao fútbol. Resoplamos, etc. Bañámonos nese azul que nos devora a intervalos regulares. Secámonos, etc. Son as sete da tarde. Xogamos. Bañámonos co solpor. Somos inmensamente privilexiados e sentímonos simplemente afortunados, nunha sorte de inxustiza íntima que o tempo encargarase de desvelar. Facémonos unha foto debaixo dunha portería rudimentaria. Sorride.

É agosto de 2000. Case.
Estou preto de cumprir os trinta. Son consciente de que case sen darme conta fun deixando de xogar no campo dos piñeiros nos últimos veráns. Disimuladamente fun deixando de facer as cousas que  facía sempre. Como unha enfermidade, vou perdendo bós hábitos e adquirindo rutinas despreciables. Estou no camiño que leva á praia. Detéñome na verxa do campo de fútbol. Baixo soles interminables a figura incansable de fm prefigura unha paisaxe que semella ser inamovible. Alguén ten que manter o invento vivo, en marcha. Alguén ten que soster as cousas cando estas empezan a desfacerse imperceptiblemente. Alguén ten que ser quen estea aí. Achégome ao mar escoitando os berros de fondo. Imaxinando os resoplidos e os pelotazos e os goles fallados coa portería baleira e a tristura do campo despois de que todo remate. Entro na auga. Sei que está fría porque sempre o está.