header-photo

This Summer The Pines Are Drying



I.
Paso cada verán dende fai moito polo camiño que en Bon descende dende a casa dos meus pais á praia. Un camiño formado por dúas rectas de apenas 100 metros de lonxitude entre ambas, baixando entre casas que coñezo dende fai varios séculos aproximadamente. No tramo final os piñeiros que nalgún momento xa moi lonxe no tempo plantou FM pai, saúdan a aqueles que se achegan ao semicírculo areoso, vixías incansabeis da nada que diría algún escritor norteamericano exitoso e alcohólico revirado por algunha dor estraña. Os piñeiros saúdanme dende fai varias décadas como eses vellos coñecidos do barrio cos que un nunca chega a intercambiar máis que un par de palabras. Máis que formar parte da paisaxe, eles son a paisaxe. Dende fai algún tempo van secándose progresivamente. Enfermas de algo que non son capaz de identificar, as árbores que acubillaron baixo a súa sombra parte da miña adolescencia e da miña infancia van despedíndose sen doerse, convertidos en monolitos vexetais, en lembranza de algo inasible. O campo de fútbol no cal tantos boniatos dilapidaron tanta eternidade en tantas tardes de verán semella un pouco máis baleiro cada tempada a medida que os piñeiros van deixando atrás o seu antigo esplendor vexetal, a súa maxestuosidade orgánica, o seu carácter de escultura viva moldeada pola climatoloxía e o paso do tempo.

II.
No século XIV, o libro The Travels of Sir John Mandeville recolleu a primeira referencia occidental coñecida ao Júggernaut-Jagannāth. A crenza hindú establecía que calqueira persoa que falecera ante a presenza física de Deus podía obter a liberación espiritual. Isto facía que, na cidade sagrada de Purī, moitos fanáticos adoradores de Jagannātha se lanzaran baixo as rodas dun enorme carro de dezaseis rodas que sacaban en procesión. Jagannāth, representado baixo a forma dese carro demoledor, foi traducido ao inglés como Júggernaut co significado de "forza irrefrenable que no seu avance aplasta ou destrúe todo o que se interpoña no seu camiño”. Os ingleses, como é habitual neles, foron quen de recoñecer nunha cultura allea unha versión exótica do seu propio espírito conquistador e avasallador.




III.
En países como Francia, Inglaterra ou mesmo os Estados Unidos de América, o amarelo é a cor da ignominia. Etimolóxicamente, esta verba significa "perda do propio nome". Ás veces, non é complicado que tal cousa suceda. Basta con olvidar o que un é en si para renunciar a el e deixarse destruir en pouco tempo por razóns difíciles de determinar. Non é sinxelo achegarse aos motivos que levan a unha persoa ou a un grupo delas a deixar arruinar a súa propia imaxe e a súa propia idea de si mesmos nun breve lapso de tempo. Aínda que si é fácil facer a lista de pecados habituais nos que se pode incurrir facilmente. O máis frecuentado, por motivos tamén pouco claros, é o abandono de funcións. O amarelo é, polo tanto, a cor do abandono. A cor da deserción.

IV.
Ás veces, seguindo as peripecias do porcobravismo atlantista feniano, lémbrome das verbas que Balzac poñía en boca de Vautrin, o fáustico protagonista de varias das súas novelas: "un home que presume de de non cambiar nunca de opinión é un home que se preocupa de ir sempre en liña recta, un inxenuo que cre na infalibilidade. Non hai principios, non hai máis que acontecimentos. Non hai leis, non hai máis que circunstancias. O home superior cásase cos acontecementos e as circunstancias para poder mandar neles".


V.
Ata a XII edición da AGC tiña a impresión de que esta era un Juggernaut, un carro de Visnú capaz de aplastar todos os inconvintes que se lle puxeran por diante. A imaxe que trasladaban os seus protagonistas remitía a unha fratría galaica -de claras orixes boniatas- capaz de facer fronte a calqueira adversidade. Mesmo preparada para sobrevivir aos adoradores extremos do main, criaturas capaces de inmolarse diante do seu carro indetible para acadar a gloria a calquera prezo. Porén, a crónica descarnada desta última edición, evidenciando ignominias dificilmente xustificables, fan correr unha certa onda de pesimismo. Como se a competición tivérase impregnado dunha desagradable cor amarela, dunha especie de abandono dos principios fundamentais e das leis que lle son propias en favor dunha moral oportunista, acontecimental e circunstancial a máis non poder. Dende as alturas que concede o cáñamo e dende a posición de quen está sometido ao movemento pendular que propician as brisas que percorren o Bann, un non pode evitar certa preocupación, certa intranquilidade fundamental ante a vindeira edición en Pontevedra. Unha XIII que se presenta ante o seu público cargada de desercións interiores e de desafección disimulada. Algúns tememos que o acontecido na XII vaia ser o prólogo de algo máis grave. Só espero que os feitos nos dean un zasca ben grande nos fuciños.

VI.
Nos días finais de cada verán, cando as primeiras borrascas do outono comezan a entrar polo suroeste azotando ás escasas árbores que están en primeira liña de costa, 'resulta interesante achegarse a Bon e botar un ollo aos piñeiros que siguén alí plantados dende fai tanto. Exemplifican algo difícil de expresar pero que calquera pode recoñecer de inmediato ao observalos durante un tempo. Unha vocación de permanencia difícil de atopar nestes tempos, unha resistencia ás circunstancias e mesmo ao paso do tempo que sintonizan cun estado de ánimo. Entre a inevitable decadencia e o pulo por permanecer percibimos a vibración de algo que nos supera e que, de cando en vez, ten a forza suficiente para atravesarnos.

VII.
Nunha entrevista recente a Rutger Hauer, o xornalista pregúntalle pola parrafada que solta o seu personaxe, o replicante Roy, no momento da súa morte na película Blade Runner. O home, totalmente convencido de si mesmo responde: "Foi nese momento [da rodaxe] cando se me ocurriu 'Todos eses momentos perderanse no tempo como bágoas na chuvia'. Paréceme extraordinario que vintecinco anos despois á xente aínda lle impresione o final". É unha historia ben bonita, quitando que ese verso e parte de ese monólogo que supostamente foi inventando sobre a marcha son obra do eternamente adolescente Arthur Rimbaud (no poema "o barco ebrio"). Ás veces, e só ás veces, estaría ben ser un pouco Rutger Hauer.