header-photo

I Have a Rendezvous with Tractorville. A Esmorga Do Mar Ao Norde By Manuel P. Lourido

In Memoriam Julian Batty



Foi Cunqueiro un fabulador fabuloso. Os seus inimigos, que os tiña, e eran teimudos, noxentos e a maioría barbilampiños, dicían del que só era un mentireiro compulsivo e que fixera carreira coa súa patoloxía. Digo eu que de seres así o mérito do mindoniense sería dobre. Mudou a terapia en literatura.

Cóntase de Cunqueiro que chegou ao extremo e deu volta pero antes, xa que estaba alí, decidiu ir á Comisaría de Policía. Quería que lle puxeran no DNI que a súa profesión era fabulador. Pero os da policía non se andaban con chiquitas, que eran máis de vaso de tubo, de toda a vida, e dixéronlle que nones, que non lle podían poñer iso, nin mentireiro compulsivo nin nada semellante. A policía éche moi curta de miras aínda que simule o contrario. A vinganza de Cunqueiro foi fabular aínda máis e deixar o seu nome de pía en herdanza a centos de fillos de madrileños que virían a pasar o verán en Sanxenxo e Bueu. Dise tamén, e isto é un segredo a voces que vai sendo hora de que alguén sen prexuízos revele publicamente, que as derradeiras palabras de Álvaro Cunqueiro foron para a invocación dunha teima que mantivo na privacidade e que xurdiu durante os derradeiros anos da súa existencia. Coma Orson Welles, que antes de morrer en Citizen Kane no pelexo de Charles Foster Kane, volvendo ás lembranzas da súa nenez pronuncia o nome de Rosebud, Cunqueiro o que fixo foi proxectarse ao futuro dende o pasado e deixar no ar aquela palabra máxica que daba nome a un mundo marabilloso que xa non sería quen de chegar a ver. Por iso foi que antes de finar dixo en voz alta: Tractorville.

Un día de verán de mediados dos setenta, na viguesa rúa Marqués de Valladares, moi preto do hotel onde residía, atopouse Eduardo Blanco Amor co seu amigo Cunqueiro e remataron diante da barra da taberna do Rulo, a douscentos metros en dirección suroeste. O mindoniense viña de publicar unha irónica recensión da Spartacus Gay Guide de aquel ano, una coñecida e recoñecida guía dos lugares de encontro para homosexuais en máis de oitocentas cidades de cen países diferentes. No seu artigo, recollido en Sábado Gráfico, poñía en dúbida algunhas recomendacións dos autores da guía, que advertían, entre outras cousas, da actividade represiva da garda civil con respecto do colectivo. Pensaba Cunqueiro que o seu colega quería comentarlle algo relacionado con aqueles textos, a guía e o seu artigo. Pero o que fixo Blanco Amor foi falarlle dun soño recorrente, dos seus problemas cardíacos e dos cartos que precisaba para levar a vida que alguén coma el suponse que tiña que levar. Cunqueiro asentía cansina e cachazudamente, ata que o relato do soño conseguiu espertalo.

Contou despois don Álvaro, que xa é hora de chamalo polo seu nome, que Blanco Amor transformouse cando comezou a falar diso. Aínda máis: foi sempre un transformista da realidade, un presumido e bolboreteiro. E agora, con grande amaneiramento, comezou a narrarlle a historia soñada dunha terra de porcos bravos moinantes. Unha especie de lenda que lle visitaba polas noites e que viña a Galicia procedente dunha terra ignota chamada Tractorville. Unha lenda impregnada de rock&roll telepático que as veces interpretaba tamén un home misterioso que se facía chamar Querido Trasno. Cunqueiro pediu outra rolda e a narración proseguiu, deslavazada, caótica, etílica e soberbia. Cando saíron a rúa as primeiras luces da noite bicaban Vigo.

Eduardo, o petimetre, e Álvaro, o dionisíaco, foron as figuras claves no aggiornamento deste culto atávico que é o porcobravismo visceral da Anglogalician Cup. Por suposto, medran debaixo das pedras autores, bufóns, canónicos e culturetas que sairán a poñer en tela de xuízo canto aquí se ten escrito. Sempre haberá quen goce mexando contra o vento. Porén, os bos e xenerosos coñecerán e recoñecerán as faíscas do lume antigo, a voz bravía que atravesou séculos e mares e fundou unha estirpe que non será esquecida.