header-photo

PINCELADAS DOUTROS DEPORTES: A BILLARDA



Mentiras dun ácrata con noite libre; non normativo; constructivista.

                      “...Quén? Quén de nós? Quén de nós non?
               “Galiza é unha nai, velliña, soñadora...”
“Nese tempo divertínme, nas
                                                                        tascas, antre mariñeiros, e
                                                                        fagendo, ás veces, copras
                                                     de rexoubeo”

No blog das metáforas de dor de barriga e da prosa restalante, sinxelo escrito a golpes de barra de bar e trasteo eternáutico, coma todo o de Blackemperor. Breve introducción á Billarda, para veciños de alén mar, dificultade media.

Definido:
Ensoño de liberdade; en pontevedra: O Lipe. Un único pensamento na cachola:
“non haberá leira grande abondo”.
Metáfora do comportamento dos porcos bravos, nun xogo de dous paus e unha besta  de carga.
Para entendernos, un criquet de agro e fouciño.

Situación.
Galicia, adro da igrexa. Campo cheo de paus afiados e ledicia no balbordo.
Balbordo de xuntanza da comuna, na parroquia que deixou unha roma pagá.
Á tardiña, pois, a xente, no adro, que se xunta a falar ben e facer voar a Billarda, debuxa un cadrado no chan.

Golpes.
Dentro do cadrado, cun pau longo, o palán, golpea o pau pequeno, a billarda.
Forzas hai dabondo, mais sabiamos dende nenos que se o boi e forte, vai enxugado toda a vida.
Dotados do palán como brazo extenso non é forza o preciso pra coitar ben lonxe, é retranca a que voa o pau.
Meus amigos de alenmar, -pois a vós e a ninguén máis vai dirixido este escrito- sabede, para protexervos nestas terras, qué outras formas adopta a retranca: ás veces ven con pau pero sen billarda, as máis é xogo e pinchacarneiro.

Parábolas e coordenadas.
A billarda voa e cae. Preparado no cadrado illado, cachola, illa, e billarda colgada do ar, golpe e vóo. Fumos tras da billarda -os galegos-, non nos gustou o que miramos, pensamos que quedaramos no cadrado, voltamos, pero alí xa non estabamos, ai dos millóns atrapados no vértice!, como se Philip K. Dick escribira como ser galego.

Golpeamos -os porcos bravos antergos-. Pronto; a forza xusta; a retranca voadora... e sacamos a billarda do adro xogando cos paxaros, e fixemos comunidade, unimos terras, botamos marcos abaixo, bébedos da gloria da derrota. Bébedos ignoramo-lo vértice, a vertixe; como tolos sacamos punta ás billardas e lanzamos en todas direccións, escachamos o espello tras de nós. Estes, e non outros, son os galegos cos que estades a tratar, ainda lucidos para fuxir de Itacas e buscar sereas orfas na tormenta. Bestas con compás axustado na ponte, e sen medo, porque tamén hai galegos así, podédesme creer.

A besta -soña-
Máquina de sacar cartiños da terra que, escollendo medir o mundo golpe a golpe, fixo voar a billarda. Máis alá, onde a besta quer, cae.  E tras dela vai a besta que soña, e a besta volta golpear.

Bestas que escollemos a mesma corte e comemos da mesma pía!, porcos!:corramos tras da billarda máis alá; deixando o luscofusco as nosas costas xa xuntamos terras cun rego no medio pra ser ben.

E entón, así, veciños de alén mar, o lipe e un xogo, unha irmandade pública, un desafio ó silencio, a billarda e un arma en tempo de paz, un xogo pra demostrar afouteza, a billarda une co seu vóo as nosas leiras nunha soa. Sigamos sempre a billarda, non miremos cara atrás e caídos xa os marcos plantemos patacas a fartar.


Pontevedra, 22 de Febreiro, 07:22